No marco do proxecto expositivo
“Imaxinando Compostela”, que o Consorcio de Santiago está a promover vencellado
ao Xacobeo 2021, a Casa do Cabido acolle, dende o pasado mes de outubro, a
segunda parte da exposición “A paisaxe e a súa pegada”. Os fotógrafos Andrea Costas, Eva Díez, Denís Estévez
e Xoán Soler amosan a súa visión da paisaxe
ligada a Compostela como meta e ao propio Camiño de Santiago.
O derradeiro día para percorrer esta mostra será o vindeiro domingo, 29 de decembro. O horario da Casa do Cabido é de 11.00 a 14.00 e de 15.00 a 20.00 horas, de martes a sábado. Os domingos abre pola mañá, de 11.00 a 14.00 horas, e os luns permanece pechada ao público.
A MIRADA DE CATRO FOTÓGRAFOS
Os catro
fotógrafos descobren
nas súas obras distintas formas de encarar o traballo fotográfico. A realidade
é o punto de partida, pero a partir de aí cada un aborda coa súa cámara
estratexias diferentes, buscando ese punto de inflexión que lles permita cruzar
a liña do imaxinario a través do mundo do soño, o misterio ou a alegoría. Nas
fotógrafas e fotógrafos desta exposición hai unha vontade de estilo propio,
unha intención artística de explorar a maternidade como un territorio de
tránsito ou proxectar paisaxes ocultas entre a néboa, atrapados no silencio da
noite ou na beleza do paso das nubes.
Ademais, xogando coa
transversalidade da arte, fotografía, literatura e poesía fúndense nunha
aventura común. Así, fragmentos literarios e poéticos
de Ramón María del Valle-Inclán,
Jorge Luís Borges, Olalla Barro López e do xaponés Junichiro Tanizaki acompañan esta viaxe
fotográfica, compartindo espazo coas imaxes.