domingo. 24.11.2024

A Xunta de Galicia festexará o 21 de xuño o Día da Música con tres concertos na Cidade da Cultura de pequeno formato a cargo de: El afecto ilustrado, FAIA e Chisme, que se celebrarán ao longo de toda a xornada. Trátase da primeira programación cultural do Gaiás que contará con público, tras a cancelación deste tipo de actividades pola alerta sanitaria da covid-19. A asistencia é de balde, previa retirada de convite en Ataquilla.com, e limitarase a 60 persoas por actuación. No entanto, todos os concertos poderán seguirse en directo ás 12h, 17.30h e 21h pola canle de Youtube do Gaiás e tamén pola súa páxina web cidadedacultura.gal.

Todas as actuacións terán lugar no Museo Centro Gaiás e comezarán ás 12,00 horas coa agrupación de música clásica El afecto ilustrado. En formato sexteto, ofrecerá un repertorio barroco do século XVII. Concibido como un grupo de cámara innvoador e vérsatil, a súa filosofía é unha interpretación historicista e dun xeito próximo un repertorio musical comprendido entre os séculos XVII e XIX. O ensemble está integrado por profesionais que despuntan no panorama musical nacional e internacional con formatos de concerto pouco explorados. Procuran difundir programas dun alto nivel de calidade interpretativa, precisión histórica e respecto ás fontes orixinais, froito dun proceso detallado de estudo e investigación musical e histórica.

DOUS POLA TARDE

FAIA abrirá ás 17,30 horas os concertos da tarde presentando o seu primeiro traballo Ao cabo leirín, un proxecto de investigación e recompilación do cancioneiro tradicional, tinguido de vangarda e actualidade a través da súa voz e estilo. Faia Díaz rescata dun xeito íntimo ese repertorio de cancións das avoas e bisavoas que forman parte do noso patrimonio inmaterial. Cantante e investigadora, tamén é licenciada en Historia da arte. Foi bolseira na Habana, Perugia e Barcelona, onde cursou estudos de etnomusicoloxía, cinema e crítica artística, e está formada en dixitalización e catalogación do patrimonio artístico. É membro do coñecido grupo galego De Vacas, que ten actuado con éxito de público na Cidade da Cultura.

Pechará esta celebración na Cidade da Cultura do Día da Música a actuación de Chisme. Trátase do proxecto musical de Fernando Epelde, tamén coñecido por ser dramaturgo e actor na compañía de teatro galega Voadora. Tras unha serie de álbums marcados pola experimentación formal e por fíos conceptuais que o levaban a explorar territorios como o da arte sonora, a electrónica minimalista ou o pop cibernético; abraza no seu último traballo Todo é ficción un rexistro máis preto do formato canción: melodías pegañentas, unha sonoridade que mantén a súa conexión con texturas electrónicas pero cunha afouteza e unha pegada que lembran a xéneros como a new- rave ou o pop groove máis espacial.

No Gaiás, ademais deste traballo, tamén ofrecerá un repertorio con temas de proxectos anteriores.

Os tres concertos estarán rixidos por un estrito protocolo, seguindo as medidas de seguridade sanitaria esixidas pola etapa poscovid-19. Polo que haberá un circuito de entrada e saída, á vez que se manterán a distancia social entre os asistentes non pertencentes á mesma unidade familiar e será obrigatoria a asistencia con máscara de protección.

Tres concertos de balde polo Día da Música