viernes. 22.11.2024

Titiriberia

Titiriberia amosará en Rianxo ao longo da última semana de xullo unha ampla mostra da nosa produción dentro do xénero dos monicreques. Pola vila pasarán formacións galegas como A Xanela do Maxín, Fantoches Baj, Diáspora Teatro, Seisdedos Marionetas, Títeres Cascanueces, A Cova das Letras, Os Monicreques de Kukas, Trécola Producións e Viravolta Títeres. Estas tres últimas compañías superaron xa as catro décadas de traxectoria e son auténticos referentes tanto para o público como para as novas xeracións profesionais.   
A titiriteira italiana Irene Vecchia.
A titiriteira italiana Irene Vecchia.

A asociación cultural Morreu o Demo celebrará entre o 24 e o 31 de xullo en Rianxo a sétima edición do festival de marionetas tradicionais Titiriberia, para o que conta co apoio económico da Xunta de Galicia. Unha trintena de compañías, formacións e artistas individuais participarán nun programa que inclúe espectáculos de rúa, actuacións en sala, conferencias, mesas redondas, obradoiros para a cativada e exposicións.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación de Titiriberia xunto á súa coordinadora, Larraitz Urruzola, e representantes doutras entidades colaboradoras. No caso da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, esta implicación materialízase a través da súa liña anual de subvencións para a organización de festivais profesionais de artes escénicas, que neste 2022 distribúe entre 13 mostras unha dotación total de 200.000 euros.  Son catro encontros máis que na convocatoria do curso anterior e Titiriberia é unha das novas citas que se suman á relación de beneficiarias. O apoio do Goberno galego aos festivais escénicos complétase co convenio de colaboración co que se cofinancia a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia polo seu relevante papel no sistema teatral galego.

Sutil felicitou a organización de Titiriberia pola súa aposta a prol do teatro de marionetas, un xénero que a Xunta promove ao contribuír tamén economicamente con festivais de longo percorrido como son o Galicreques de Santiago de Compostela ou o Festival Internacional de Títeres de Redondela Memorial Juanjo Amoedo. Na súa intervención, referiuse a estes encontros como citas fundamentais do circuíto de mostras deste xénero escénico ao que hai que sumarlle agora un “xa consolidado Titiriberia”, que celebra unha sétima edición de “crecemento, maduración e diversificación.”

O representante da Xunta puxo en valor "a vontade de Titiriberia de crear públicos” ao levar gran parte das funcións ás parroquias e ás praias do municipio coa meta de “entrar en contacto directo cos espectadores”. Ao celebrarse en Rianxo, localidade que no verán recibe  gran cantidade de visitantes, Titiriberia amosa “o potencial dinamizador das artes escénicas como atractivo turístico”.

Cartel galego e internacional

Titiriberia amosará en Rianxo ao longo da última semana de xullo unha ampla mostra da nosa produción dentro do xénero dos monicreques. Pola vila pasarán formacións galegas como A Xanela do Maxín, Fantoches Baj, Diáspora Teatro, Seisdedos Marionetas, Títeres Cascanueces, A Cova das Letras, Os Monicreques de Kukas, Trécola Producións e Viravolta Títeres. Estas tres últimas compañías superaron xa as catro décadas de traxectoria e son auténticos referentes tanto para o público como para as novas xeracións profesionais.   

Este ano Titiriberia recupera, tras dous anos de limitacións por mor da pandemia, a súa dimensión internacional ao incorporar no programa artistas de Italia e de Portugal. Desde o país transalpino chegará Irene Vecchia, mentres que as lusas de Teatro e Marionetas de Mandrágora representarán o país veciño. Ademais, a investigadora mexicana Elvia Mante participará de forma telemática no festival coa conferencia O que non se nomea non existe: as mulleres na arte dos títeres

Os obradoiros para a cativada —integrados nos campamentos de conciliación do Concello de Rianxo—, as exposicións de monicreques que encherán os escaparates da localidade, as conferencias, as charlas e os cursos para o público profesional completan a programación do sétimo Titiriberia.

Titiriberia
Comentarios