Os secretarios xerais de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e de Política Lingüística, Valentín García, participaron esta tarde na inauguración da mostra Tigres coma cabalos no Museo do Mar de Galicia, coa que a Xunta recupera 30 anos despois o carácter transgresor da obra de Xela Arias. O proxecto inclúe, ademais da mostra, a reedición da obra do mesmo nome en formato catálogo e está enmarcada na ampla programación do Goberno galego co gallo do Día das Letras Galegas 2021.
Os representantes da Xunta de Galicia salientaron Tigres coma cabalos como un proxecto vangardista que xa na súa presentación en marzo de 1990 se caracterizou por ser unha proposta conxunta de libro e exposición. Tal e como explicaron, o diálogo entre poesía e fotografía, a inclusión de espidos e mesmo o título do proxecto, baseado nos horóscopos chineses dos seus autores (Xela Arias e o seu compañeiro, Xulio Gil) fixeron desta unha iniciativa audaz e pioneira hai 30 anos, mais tamén actual no 2021.
Os secretarios xerais destacaron, así mesmo, a importancia de que esta mostra se poida contemplar a partir de hoxe e ata o 30 de xuño en Vigo, en cuxo Colexio de Arquitectos foi presentada hai tres décadas. Unha cidade fundamental na vida e na obra da homenaxeada este ano nas Letras Galegas. Ao acto asistiron tamén a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias; Xulio Gil, coautor do proxecto; o seu fillo, Darío Gil Arias; a directora do Museo do Mar de Galicia, Marta Lucio, e o director de Ouvirmos, Xosé Aldea.
INTERCAMBIO
A mostra, que pode visitarse desde hoxe no Museo do Mar de Vigo, partiu de 24 poesías de Xela Arias e 24 fotografías de Xulio Xil e cada un deles traballou a proposta do outro ata acadar as 48 fotografías e 48 poemas das que se compón o proxecto. Os autores destacaron desde o primeiro momento a independencia dos traballos fotográfico e poético na súa orixe e o proceso de intercambio creativo posterior, poñendo de relevancia o feito de que non se trata de pés de foto nin de ilustracións ao texto.
ACCIÓNS
Tigres coma cabalos forma parte da ampla programación desenvolvida coa Xunta de Galicia para celebrar o Día das Letras Galegas, con máis de medio centenar de accións presenciais e en liña que abranguen propostas no eido literario, expositivo, deportivo, promocional, musical e escénico, entre outros. Unha programación froito dun traballo colaborativo entre as institucións e a familia de Xela Arias, que abranguen multitude de iniciativas de participación social e cultural, fomento da igualdade e integración, así como accións musicais e actividades no ensino, nos concellos e no exterior.
A cidade de Vigo será protagonista na celebración da obra de Xela Arias, acollendo o acto central da programación o vindeiro 17 de maio. Ademais, o IES Castelao de Vigo ten en axenda oito citas que estenden a celebración neste centro no que estudou a poeta con lecturas de poemas, actuacións musicais, relatorios e charlas-coloquios arredor de Xela Arias, obradoiros e conferencias, que lle achegarán ao alumnado a figura, vida e obra da poeta, da man de moitas persoas das que mellor a coñeceron.
Por outra banda, a Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo acollerá a partir de xuño a mostra Xela Arias. Asinamos ser libres, que repasa as diferentes vertentes profesionais da autora con detalles da súa vida, obra e contexto histórico no que viviu.
No que atinxe ás actividades organizadas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel pon en marcha do 3 ao 31 de maio a exposición Xela Arias: o compromiso dunha voz e a mostra bibliográfica Na fraga dos paxaros faladores. Ademais, neste mesmo centro celebrarase o 15 de maio o contacontos Oito pasos… oito versos, dirixido a nenos de entre 4 e 12 anos.