A Xunta de Galicia apoia a terceira edición do Fest Clásico Ribeira Sacra, que terá lugar entre o 22 e o 29 de agosto. O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, participou hoxe na presentación do Fest Clásico Ribeira Sacra que contempla catro concertos en diferentes espazos singulares da Ribeira Sacra e a entrega do Premio Galimusic.
Na súa intervención, o representante da Xunta de Galicia subliñou a singularidade da proposta do Fest Clásico Ribeira Sacra, ademais do espectacular enclave no que se leva a cabo, para a promoción de Galicia como destino musical baixo criterios de calidade e sustentabilidade social e medioambiental.
Gabriel Alén resaltou “que hai poucos lugares mellores para acoller o Festival, que na contorna da Ribeira Sacra. Un lugar hospitalario, integrador e solidario. Aberto a todos e todas, e no que todas e todos sexamos protagonistas deste Xacobeo, diferente, especialmente difícil, maiormente humano e esperanzador. Así é a Ribeira Sacra un dos espazos máis emblemáticos que incide especialmente nos valores da paisaxe e da cultura”.
Esta iniciativa ademais do apoio da Xunta de Galicia, conta co apoio das deputacións de Lugo e Ourense, o Consorcio Turístico da Ribeira Sacra, o Consorcio Local Os Peares, os concellos da Ribeira Sacra, o Bispado de Ourense e de Lugo, as empresas Naturgy, Galimusic, Galletas Daveiga, Gadis, Caixa Rural Gallega, Bodegas Regina Viarum e o Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil.
O festival inclúe cinco concertos e a entrega do Premio Galimusic, o primeiro terá lugar o 22 de agosto ás 19,30 horas no Consorcio Local Os Peares con Alejandro Gómez e Miguel Ángel Ortega Chavaldas, o segundo terá lugar o 27 de agosto ás 19,30 horas no Mosteiro do Divino Salvador de Ferreira de Pantón, denominado Nacionalismo: Folclore e Tradición, o seguinte terá lugar o 28 de agosto ás 19,00 horas na Igrexa do Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, co concerto A onde as negras ramas se estenden e por último, o 29 de agosto no Consorcio Local dos Peares, ás 12 horas hai o concerto e final do Premio Galimusic e ás 19,30 horas no auditorio Municipal de Monforte de Lemos hai a clausura e un concerto patrocinado por Naturgy.