Atardecer no Gaiás –o ciclo de concertos da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura- conta hoxe coa palabra e o son urbano de Recycled J. A medio camiño entre o rap, o trap, o reguetón e o R&B, a proposta musical deste artista de Carabanchel foxe de etiquetas e conquista cada día milleiros de seguidores que se traducen en máis dun millón de escoitas mensuais en plataformas como Spotify e 60 millóns de visualizacións en Youtube. Letras directas, son en constante evolución e enérxicos directos apúntanse como selo do madrileño que esgotou nunhas horas as localidades para o seu concerto na Cidade da Cultura.
Como vén sendo habitual, os concertos de Atardecer no Gaiás celébranse na praza central da Cidade da Cultura ás 21,00 horas para facer coincidir as actuacións co solpor. Os concertos son de pago a tres euros por actuación, e as entradas saen á venda de xeito semanal, a través da plataforma web de ataquilla.com.
En 2021, o ciclo mantén a súa aposta pola proxección do talento novo da escena musical galega. Mañá, venres 16, o pop acústico de Sherchelios e o grunge de Battosai, dúas formacións gañadoras dos premios Xuventude Crea, tomarán o escenario da Cidade da Cultura nun concerto dobre para o que aínda hai localidades dispoñibles.
O cartel dos xoves e venres de xullo completarase coa dozura do folk e da electrónica da arxentina afincada en Madrid, Guadalupe Álvarez Luchía; co pop vitalista da cantante venezolana Georgina; e co crooner sueco Jay Jay Johanson, considerado pola crítica o “Sinatra posmoderno” polos seus sons actuais a carón do jazz.