Xa non quedan entradas para asistir á nova edición do festival Sinsal SON Estrella Galicia, que se celebrará do 21 ao 23 de xullo na illa de San Simón. O evento esgotou todos os abonos e billetes de día dispoñibles para asistir a un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal, que ofrece cada ano a posibilidade de gozar dunha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento. Serán tres xornadas de directos con propostas musicais diversas en canto o estilo e a orixe das máis de vinte bandas e solistas que conformarán o cartel secreto: o público só coñece quen actúa cada día unha vez desembarque na illa.
Alén da programación musical, Sinsal SON Estrella Galicia contará, como é habitual, cunha ampla programación de actividades paralelas que porán en valor o patrimonio natural, cultural e histórico do arquipélago conformado polas illas de San Simón e Santo Antón. Entre elas estarán os as exitosas visitas guiadas que o ano pasado esgotaron todas as prazas dispoñibles, ou as rutas en pedal surf, unha actividade náutica sostible que estará dispoñible as tres xornadas do evento.
Así, o sábado 22, o público poderá botar unha ollada á enseada de San Simón desde a experiencia cotiá das mariscadoras e pescadores da parroquia da man de Amarturmar, a asociación cultural de mulleres e homes do mar de Cesantes. As e os asistentes coñecerán a diversidade mariñeira do lugar, mais tamén a súa actividade económica, o papel da economía circular e, de xeito especial, como o cambio climático está a transformar os recursos naturais da zona. Ao día seguinte, o domingo 23, celebrarase unha nova edición do Paseo Islario Marabilloso, unha ruta guiada polo investigador Xosé Lois Gutiérrez Faílde na que o público tecerá un imaxinario particular fiando os relatos e as memorias do lugar.
Outras das actividades con boa acollida entre o público e que volverán ter espazo na edición de 2023 serán as rutas de pedal surf arredor do perímetro do arquipélago, unha proposta duns 30 minutos de duración e apta para público familiar que permitirá coñecer de perto o patrimonio natural da illa á vez que se escoitan os concertos desde unha táboa estable e segura; ou os obradoiros para todos os públicos que terán lugar na capela de San Simón. Se ben o ano pasado versou sobre a creación de escenografías a partir de crebas e outros refugallos, este ano abordará a creación de ambientes visuais e sonoros a través de diferentes dispositivos e artefactos.
Convocatoria ‘Que é a música para ti?’
Nas vindeiras semanas daranse a coñecer as actividades musicais vinculadas ao proxecto didáctico e divulgativo A Escola Sinsal que se realizarán na illa durante o festival. Todas elas, de carácter gratuíto, afondarán na cuestión do rexistro sonoro e na gravación magnética. Entre estas actividades están as Audicións San Simón, unha proposta que revivirá a primeira máquina de discos con música gravada instalada no espazo público a finais do século XIX.
Coa idea de poñer en valor o feito da escoita colectiva de música, o festival propón, durante o seu desenvolvemento, unha serie de sesións en aberto onde o público poderá revivir ese momento histórico. Os cilindros a reproducir nesa instalación do artista Aleks Kolkowski serán gravados cos arquivos de audio que envíe o público respondendo á pregunta ‘Que é a música para ti?’, que dá nome á convocatoria homónima. Para participar, as persoas interesadas -asistentes ou non ao festival- poderán enviar a súa resposta a través dunha nota de voz, dun máximo de dez segundos de duración, á liña de Whatsapp 674 485 137. O prazo manterase aberto até o 21 de xuño.
Todas as respostas poderanse escoitar, de xeito colectivo, entre o 21 e o 23 de xullo en San Simón, concretamente, na exposición da Escola Sinsal. Alén da exhibición, o festival tamén programará un taller específico, que impartirá a investigadora Sarah Rasines, sobre a fixación de música en soportes, concretamente, con cintas de cassete.