O Consorcio de Santiago e o Museo do Pobo Galego publican Andrade en Bonaval, con imaxes en 3D do fotógrafo Juan Feáns e texto introdutorio de María Xosé Fernández Cerviño. Preséntase esta tarde, ás 18.00 horas, no Museo do Pobo Galego. No acto participarán, ademais do autor, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo; e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi. Asistirán tamén a xerente do organismo interadministrativo, Belén Hernández; e o o responsable de Publicacións do Consorcio, Juan Conde
Este libro publícase con motivo da conmemoración do Día das Artes Galegas 2020, impulsado pola Real Academia Galega de Belas Artes, dedicado ao arquitecto, entallador e imaxineiro Domingo de Andrade (Cee, 1639 – Santiago de Compostela, 1712). Trátase dunha selección de fotografías en 3D da obra de Andrade no edificio de San Domingos de Bonaval, que acolle o Museo do Pobo Galego.
O magnífico legado de Domingo de Andrade esténdese por toda Galicia pero é na cidade de Santiago de Compostela onde o arquitecto realiza a parte fundamental da súa obra, chegando a ser mestre de obras da catedral. En Compostela son da súa autoría o remate da Torre do Reloxo da catedral ou a remodelación da fachada do Pórtico da Gloria, a Casa da Parra, a capela da Orde Terceira de San Francisco, Casas Consistoriais… No caso do convento de San Domingos de Bonaval, declarado Ben de Interese Cultural, sobresae a incomparable tripla escaleira helicoidal -restaurada polo Consorcio de Santiago entre os anos 2016 e 2017- e tamén o seu claustro, entre outras intervencións.
A través desta obra gráfica preténdese contribuír á divulgación dos aspectos máis sobresaíntes da intervención de Domingo de Andrade no edificio que alberga o Museo do Pobo Galego. Tal como indica María Xosé Fernández Cerviño, a vinculación de Andrade co convento de San Domingos de Bonaval veu da man do frade dominico Antonio de Monroi e Híjar, arcebispo de Santiago entre 1685 e 1715, quen lle encarga a grande obra de remodelación de Bonaval, xunto á ampliación do recinto conventual, creando a imaxe do edificio que chega ata os nosos días.
Con esta publicación búscase poñer en valor a obra do arquitecto barroco máis importante da súa época, a través da súa pegada no conxunto de San Domingos de Bonaval. O libro inclúe, ademais de fotografías en 3D -con gafas para poder contemplalas-, as mesmas fotografías en formato bidimensional, planos do edificio, debuxos de diferentes elementos arquitectónicos creados por Andrade, así como citas de varios autores en relación a cada unha das obras fotografadas.