Caldo publicará esta primavera o seu segundo álbum de estudio. O trío, conformado por María Jorge, Anaïs Barbier e Pedro Fariñas, dará a coñecer este venres, 21 de abril, O que fomos, o primeiro sinxelo que sairá á luz como avance do novo disco, gravado e producido man a man con Alberto Cernadas (crnds). O tema, que estará dispoñible desde as 00.00 horas do día 21 nas principais plataformas dixitais, acompañarase dun sinxelo vídeo de animación que parte da ilustración da portada da canción, realizada por Marte Martinka.
O que fomos está baseada na melodía da Ronda de Mangüeiro, recollida en 1991 no lugar ourensán de Mangüeiro (Avión) polas compiladoras Felisa Segade e Montse Riveira, e que aparece no álbum debut de Leilía. Neste sinxalo, Caldo propón un tema cunha estrutura moi elaborada, no que revisa as letras tradicionais para falar dunha ruptura provocada pola toxicidade que desprende unha das partes dunha relación. O que fomos deixa entrever a raiba que se desprende desde tempo pasado, explicitada na imaxe dunha rosa con pétalos negros, mais le e interpreta o momento desde unha perspectiva diferente.
CALDO
María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) son Caldo, un trío afincado no Valmiñor que achega a música tradicional a contextos sonoros contemporáneos a través da experimentación cos propios instrumentos. María, Anaïs e Pedro presentan unha proposta na que integran melodías tradicionais galegas e composicións propias con influencias das músicas europeas e atlánticas, unha fusión natural que vai directa ao sentir do público.