Técnicos de son, montadores, directores, iluminadores… son algúns dos profesionais que fan posible que poidamos gozar dun concerto, unha obra de teatro ou un filme; mais a maioría das veces o seu traballo queda eclipsado polo dos artistas que se soben ao escenario ou se poñen diante do foco. ‘Tras o pano’ é unha serie documental na que se afonda no traballo que hai detrás dos espectáculos culturais. Tres capítulos con entrevistas a profesionais do sector musical, do teatro e do cine con selo vigués que xa se poden ver en Youtube.
No primeiro capítulo, dedicado á industria musical, participan Luis Antelo, técnico en Estereoarte e nas xiras de Iván Ferreiro desde hai máis dunha década; Pablo Iglesias, produtor musical propietario de Radar Estudios, e Raquel Seijo, promotora de concertos e festivais e xerente de Sweet Nocturna. No segundo capítulo, dedicado ás artes escénicas, contamos coa participación de Esther F. Carrodeguas, dramarturga, actriz e directora, metade da compañia Butaca Zero; Laura Iturralde, iluminadora e escenógrafa e Marcos Alonso, xerente da Sala Ártika, ademais de actor, director e produtor de espectáculos teatrais. No terceiro capítulo, dedicado á industria
cinematográfica, participan Pablo Fontenla, guionista, director e director de fotografía; Ana Gontad, programadora de festivais como o Primavera do Cine e Álvaro Gago, cineasta.
‘Tras o pano’ é unha producción da revista A Movida, que en plena pandemia e ante a cancelación masiva dos eventos culturais viu de perto como o traballo destes profesionais se paralizaba. A dirección dos tres documentais corre a cargo do tamén vigués Pablo Vázquez. Este proxecto audiovisual realizouse ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 - 2022 da Xunta de Galicia.