A igrexa de San Martiño Pinario será o escenario do vindeiro concerto da Real Filharmonía de Galicia, o venres 9 de xullo ás 20.30 horas. O concerto é de balde pero cómpre retirar os convites, que estarán dispoñibles na web www.compostelacultura.gal a partir do luns ás 10.00 horas. Esta iniciativa enmárcase no propósito da RFG de achegar a música clásica e a orquestra a diferentes puntos da cidade e a públicos diversos. A batuta levaraa o director titular e artístico da orquestra, o mestre Paul Daniel.
A Real Filharmonía de Galicia contará coa colaboración do multiinstrumentista Abraham Cupeiro, que interpretará varias pezas súas. O músico, natural de Sarria, despregará sobre o escenario diversos instrumentos de vento antigos, esquecidos no tempo, de diferentes épocas e lugares, algúns deles de hai máis de 2.000 anos, que el mesmo recuperou e reconstruíu para crear novas sonoridades e imbricalos en músicas alleas a eles.
Entre estes instrumentos milenarios destaca o kárnix, unha trompeta celta da Idade de Ferro de tres metros de lonxitude, que rescatou hai uns anos grazas aos seus descubrimentos musicolóxicos e construíu guiándose pola imaxe dunha moeda romana. Tamén se poderá escoitar un instrumento ancestral na tradición galega, a corna, orixinaria da Idade de Pedra, que durante séculos empregaron os pastores en Galicia e na segunda metade do século XX xa estaba extinguida.
No transcurso da actuación o público terá a oportunidade de escoitar seis pezas de Cupeiro: Tocata de cornas I, II e III -arranxadas por Carlos Vázquez-, Armenia, Costa Atlántica e Karnyx -arranxadas polo compositor pontevedrés Adrián Saavedra-.
Obras de Haendel, Rameau, Purcell e Respighi
Ademais, no transcurso do concerto soarán fragmentos de diferentes obras, en particular da Suite Alcina de Haendel, Suite Dardanus de Rameau, A raíña das fadas de Purcell e Os paxaros de Respighi.