viernes. 22.11.2024

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou na presentación da exposición Crebas, que repasa a traxectoria artística de Francesc Torres Crobas e que permanecerá aberta ao público ata o 1 de xuño no Dobre Espazo do CGAC.

Crebas é un termo propio do léxico da Costa da Morte, que designa todos aqueles obxectos que as mareas depositan na ribeira, a consecuencia dun naufraxio ou outras circunstancias. Baixo este título, a mostra exhibe unha selección de pezas datadas entre 1976 e 2019, que sintetizan as diferentes etapas da obra de Torres, que entende a expresión artística como unha necesidade radical acentuada baixo o influxo do finis terrae galego.

Ademais de pezas procedentes de diversas coleccións, tanto públicas como privadas, preséntase tamén unha serie de obras orixinais directamente relacionadas con Galicia e aquí realizadas, como a serie fotográfica Tipo I (en la escala de Kardashov), que aborda a memoria do volframio e a Segunda Guerra Mundial ou pezas relacionadas con accións que enlazan coas súas primeiras pezas conceptuais, dos anos setenta. Cabe destacar tamén a serie Art Degree Zero, un alfabeto creado polo artista a través de imaxes das marcas que os bivalvos deixan na area da praia e instalacións como La campana hermética ou Construction of the Matrix, a peza máis antiga da mostra que foi presentada na Bienal de Venecia de 1976.

Comisariada por Rocío Figueroa Guisande, a mostra conta con actividades complementarias como un taller co propio Francesco Torres do 30 de marzo ao 7 de abril ou visitas guiadas os domingos ás 12,00 h.

FRANCESC TORRES

É un dos principais referentes históricos da instalación multimedia. A súa experiencia vital e artística levouno a vivir entre Barcelona e Nova York, mentres que nos últimos 20 anos estableceu un forte vínculo con Galicia, onde pasa tempadas na Costa da Morte.

Na súa prolífica carreira, de máis de cinco décadas, non só traballou como artista, senón tamén como comisario de exposicións, escritor e conferenciante en diversas universidades. Algunhas das súas máis destacadas exposicións tiveron lugar no MoMA de Nova York, na Nationalgalerie de Berlín ou no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía entre outros.

O artista Francesc Torres repasa a súa traxectoria artística coa exposición 'Crebas' no...