lunes. 29.04.2024

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) conclúe os actos de homenaxe ao economista Manuel Colmeiro y Penido, “Científico Galego do Ano 2023”. Será mañá xoves, 21 de decembro, cun evento na facultade de Económicas da Universidade de Santiago a partir das 12:00 horas. Durante o encontro presentarase o libro “Manuel Colmeiro (1818-1894). Profesor, científico social e activista”, coeditado pola RAGC e o Consello da Cultura Galega, no que se fai un repaso pola traxectoria profesional e vital do homenaxeado.

Na presentación do acto estarán o presidente da RAGC, Juan Lema; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e o decano da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Xoán Ramón Doldán.

A publicación conta con limiares da presidenta do Consello da Cultura Galega, do presidente da RAGC e do académico José Antonio Redondo, coordinador da mesma. Inclúe artigos de Juan Ramón Quintás, catedrático de Análise Económica e académico da RAGC, que aborda a figura do homenaxeado como economista; Xosé Cordero, profesor de Historia e Institucións Económicas da USC, que se centra na súa vinculación coa agricultura galega; María Cadaval, profesora de Economía Aplicada da USC, que narra a relevancia que tivo na historia da economía política do noso país; María Xosé Rodríguez Galdo, catedrática de Historia e Institucións Económicas da USC, que se refire ao pensamento económico na obra de Colmeiro; Jaime Rodríguez-Arana, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, fala da súa “decisiva contribución” ao dereito administrativo; Margarita Barral, profesora de Historia Contemporánea da USC, fai referencia á súa pegada na cidade de Santiago; e Miguel Vázquez Taín, presidente do Consello Galego de Economistas, pecha a publicación cunha reflexión sobre o papel dos economistas na sociedade actual.

No transcurso do evento celebrarase unha mesa redonda na que participarán os autores do libro, destinada a valorar o traballo e o impacto de Manuel Colmeiro. Ademais, colocarase unha placa na facultade na súa memoria.

A FIGURA DE MANUEL COLMEIRO

Manuel Colmeiro y Penido (Santiago de Compostela, 1818 – Madrid, 1894) foi un dos mellores expertos españois do século XIX nos campos da Economía, Dereito Administrativo e Dereito Político, destacando ademais a súa dedicación á Historia. Na Real Sociedade Económica de Santiago formou parte de comisións que estudaron a reforma de pesos e medidas, o sistema monetario español, a renda do sal, o establecemento dunha fábrica de sedas e algodóns en Santiago, así como os medios que se poderían propoñer para activar a construción de varias estradas na provincia. Foi o primeiro economista que avogou pola redención dos foros, de xeito que se propiciara que a propiedade da terra fora dos propios labregos que a cultivaban e, ao mesmo tempo, dar solución ao minifundismo. Ao seu xuízo, este cambio contribuiría ao desenvolvemento agrario e económico.

Anhelaba un modelo de sociedade con maior participación cidadá, convencido de que a principal misión da ciencia económica era “hacer el bienestar tan general como fuere posible”. Así, defendeu a existencia de sindicatos para resolver os conflitos, unha lexislación limitadora do traballo infantil, o proteccionismo ás pemes, a eliminación de impostos de consumos, estender a educación, as caixas de aforros e a beneficencia pública, o establecemento dunha política activa do Goberno para remediar o desemprego e a mendicidade, ou unha rede viaria “por conta do Estado”. Foi deputado electo e senador electo pola provincia de Pontevedra (varias lexislaturas desde 1865), conselleiro de Estado, senador vitalicio e fiscal do Tribunal Supremo.

 

Novo libro sobre Manuel Colmeiro
Comentarios