A Deputación celebra a integración do Museo de Pontevedra en CODART, unha rede de curadores de arte de máis de 300 museos de 50 países do mundo. Trala visita do pasado xoves dun grupo de arquitectos internacionais de primeiro nivel ao convento de Santa Clara e “con esta noticia, completamos unha semana de grandes avances liderados polo Museo de Pontevedra para converter á provincia no epicentro cultural internacional”, remarcou o vicepresidente Rafa Domínguez.
Desde xa o Museo de Pontevedra forma parte de CODART, un proxecto liderado desde os Países Baixos que recolle as máis importantes coleccións de pintura holandesa e flamenca dos séculos XVI e XVII. A información sobre o Museo de Pontevedra pode consultarse nesta ligazón na que se recolle que alberga 35 pinturas flamencas e holandesas, con paneis e lenzos que presentan paisaxes, naturezas mortas, retratos e temas relixiosos elaborados por prestixiosos artistas como Pieter Bruegel the Elder, Rogier Van Der Weyden, Adrien Isenbrandt, Michiel Coxcie, David Teniers III, Daniel Seghers, David Ryckaert III, Harmen Steenwyck, Jan Davidsz, Frans Snyders, Willem Kalf, Melchior d´Hondecoester ou Matthias Witthoos.
CODART conecta a máis de 600 curadores de arte de máis de 300 museos de case 50 países do mundo. Os seus integrantes traballan en institucións tan prestixiosas como o Rijksmuseum de Ámsterdam, o Koninklijk Museum voor Schone Kunsten de Amberes, o Museo do Prado en Madrid, o Museo Metropolitano de Arte de Nova York, o Museo do Louvre de París ou o Hermitage de San Petersburgo. Ademais tamén integra a persoas vinculadas con museos de Australia, Cuba, México, Polonia e Ucraína.