viernes. 22.11.2024

A Cidade da Cultura, transformada nun entorno virtual en 360 graos, acolle un ano máis a Maker Faire Galicia, que chega á súa sétima edición repetindo co formato totalmente en liña estreado en 2020, que a converteu nunha das primeiras feiras maker do mundo realizada integramente a través da rede. No encontro, que terá lugar do 2 ao 6 de xuño, argalleiros e argalleiras de seis países diferentes –España, a Arxentina, O Xapón, México, EE.UU., Portugal e O Brasil– presentarán os seus proxectos a través dunha plataforma dixital que recrea o Museo Gaiás e na que as persoas asistentes poderán interactuar cos makers, participar en obradoiros e asistir a charlas e mesas redondas con referentes nacionais e internacionais.

Na que promete ser a edición máis internacional deste escaparate para a creatividade e o enxeño, poderán coñecerse medio cento de proxectos –34 deles galegos– presentados por makers, asociacións, empresas e centros de ensino. O encontro volve dedicar unha xornada exclusivamente ao ámbito da innovación educativa, na que ademais de tratar temas como o ensino do futuro, a gamificación, os espazos maker ou as comunidades de aprendizaxe, terá lugar un concurso de proxectos coa participación de 13 centros de primaria, secundaria e FP de toda Galicia, que optarán a diferentes galardóns.

O que xa é o evento maker máis importante da Península contará nesta edición con relatores da relevancia de César de la Fuente, biotecnólogo galego e profesor na Universidade de Pensilvania, onde lidera un laboratorio de investigación especializado en crear antibióticos con ordenadores a partir de moléculas naturais. Coñecido polo público xeral por desenvolver un test de baixo custo para detectar a covid-19, foi nomeado polo MIT (Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts) como un dos 35 mozos máis innovadores do mundo con menos de 35 anos, e galardoado co Premio Fundación Princesa de Girona Investigación Científica 2021.

TECNOLOXÍA

A conferencia de César de la Fuente enmarcarase nas dúas xornadas da Maker Faire dirixidas a profesionais e empresas de sectores como biotecnoloxía, robótica, intelixencia artificial, ciberseguridade ou blockchain, nas que tamén se contará con relatores como Jon Hare, un dos game makers máis coñecidos de Europa, creador de xogos míticos como Parallax ou Sensible Soccer, e Keisha Howard, recoñecida activista en favor da inclusión e a diversidade no mundo dos videoxogos, e fundadora da comunidade Sugar Gamers. Con dúas charlas TED (Tecnoloxía, Entretemento e Deseño) no seu curriculum, ten traballado con compañías como como SYFY, Watchmojo, AT&T, HBO, Nintendo, HTC, Microsoft o Google, entre outras.

Outro dos nomes destacados do encontro é o de Valeria Corrales, unha minimaker de Huesca que con só 12 anos triunfou na última edición do programa de televisión Got Talent España, abraiando ao xurado cun robot que ela mesma construíu e que resolveu en directo o cubo de rubik en 29 movementos. A través dunha canle de YouTube creada xunto á súa profesora Patricia Heredia, comparte coñecemento en aberto e proponse inspirar a outras nenas que queiran dedicarse á enxeñería ou a robótica. Foi nomeada Inspiring Girl of the Year pola Fundación Inspiring Girls e elixida mellor alumna de secundaria de STEM de España nos STEM Talent Awards.

CONTIDOS

O programa da sétima Maker Faire Galicia incluirá como novidade o primeiro EDU Open Space, un espazo para a reflexión ao redor da educación, onde os propios asistentes proporán as temáticas para debater en diferentes mesas redondas en simultáneo. Tamén se celebrará novamente a Game Maker Jam, unha competición para crear videoxogos en 48 horas da que o xoves se coñecerá a temática e o domingo, na xornada de clausura, o gañador ou gañadora do concurso.

Do mesmo xeito que en anos anteriores, as dúas primeiras xornadas desta feira de innovación estarán máis enfocadas ao ámbito profesional, mentres que o venres 4 de xuño a protagonista será a innovación educativa, con contidos dirixidos ao sector do ensino, e xa os días da fin de semana emitiranse contidos destinados a público xeral e centrados en temáticas moi diversas e relacionadas coa robótica, a ciencia, a innovación social, a arte, a economía circular ou o gaming, sempre baixo a filosofía do faino ti mesmo que caracteriza este encontro.

DE BALDE

O encontro celébrase nun Museo Gaiás virtual e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD). Realízase coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia e Innovación.

Para ter máis información sobre a Maker Faire Galicia e como seguir os diferentes contidos, pode visitarse a súa plataforma en liña, onde xa está aberto o rexistro de asistentes, que é totalmente gratuíto.

Museo Gaiás Virtual