O Festival Galicreques celebrará en Santiago de Compostela entre o 7 e o 15 de outubro unha das súas edicións máis ambiciosas ao programar 60 funcións da man dunha trintena de compañías co apoio da Xunta. A mostra, que chega neste 2023 a súa 28ª edición, é un dos 11 eventos teatrais aos que contribúe a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través das subvencións á organización de festivais no eido das artes escénicas.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do programa xunto ao director de Galicreques, Jorge Rey, e representantes doutras entidades patrocinadoras. O acto contou cunha intervención artística na praza do Obradoiro que correu a cargo da compañía de monicreques Nauta e a formación de percusión Trópico de Grelos.
Na súa intervención, o representante da Xunta felicitou a Galicreques por unha programación moi variada en propostas e quixo poñer en valor dous elementos fundamentais deste encontro. Por unha banda, a súa aposta pola descentralización do cartel, “o cal amosa unha vez máis que a cultura é un factor dinamizador tanto para o conxunto das cidades como para os barrios que as conforman”, declarou.
E pola outra, Sutil referiuse á programación escolar. Nesta liña, o responsable de Industrias Culturais salientou como imprescindible que os festivais se aproximen ás novas xeracións. “O fomento e a creación de novos públicos conforman un ámbito de traballo esencial”, afirmou. Unha característica que -dixo- teñen en común os tres festivais de monicreques que este ano apoiou a Xunta a través das subvencións a este tipo de eventos: o Titiriberia de Rianxo, o Festival de Títeres de Redondela-Memorial Juanjo Amoedo e o Galicreques de Santiago de Compostela.
ESCENARIOS Y ESTREAS
Galicreques distribuirá a súa programación por diferentes espazos de Santiago de Compostela. O Teatro Principal, a Fundación SGAE e a Carpa da Alameda serán as principais sedes dun festival que tamén levará actuacións ás rúas compostelás e aos centros socioculturais de barrios como Conxo, O Castiñeiriño, o Ensanche, As Fontiñas ou Vite.
Por este circuíto pasarán as 60 funcións que conforman o programa. As representacións correrán a cargo de máis dunha trintena de compañías. Formacións procedentes de Francia, Colombia, Chile, Portugal e Arxentina daranlle o perfil internacional a un Galicreques que, neste 2023, contará coa concorrencia de 14 compañías galegas.
Así, ao longo do festival, actuarán nomes destacados da nosa escena de bonecos como son Títeres Alakrán, Fantoches Baj, Mircromina, Títeres Cascanueces ou A Xanela do Maxín, que protagonizará unha das estreas do festival ao presentar Babá Bebé, espectáculo para a primeira infancia que se representará o venres 13 na Fundación SGAE. Outras estreas galegas no Galicreques serán as de A Compañía do Dr. Monifate, que dará a coñecer a súa peza Liu Xu Ra, a ardente velutina, e Carmen Domech e Olga Abad, presentará Contos de aquí para ti. Ambas citas serán baixo a Carpa da Alameda o xoves 12 de outubro.
Ademais destas dúas novas obras, Galicreques brindaralle ao público compostelá outras 12 montaxes inéditas. Entre elas, cómpre destacar Me lleva el Diablo, da formación colombiana La Pepa del Manoncillo; Las Avispas, da compañía catalá Fil de Guá, ou Fábulas, cuentos y canciones para alegrar los corazones, do arxentino Manu Mansilla.