O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, celebrou hoxe a chegada da exposición Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade á Coruña, escenario vital e inspiración literaria dunha galega universal, dixo. “Nesta cidade e arredores sucédense recunchos e recordos que simbolizan o legado dunha muller que foi galega, feminista, liberal, europeísta e activista cultural, e que por riba de todo foi pioneira”, abundou.
Durante o acto de inauguración da mostra que, despois da súa estrea na Biblioteca Nacional de Madrid, estará na cidade herculina ata o 18 de decembro, Feijóo destacou as 200 pezas que se amosan nela e que achegan un compendio documental, simbólico e historiográfico de enorme valor para entender e recoñecer a altura de Emilia Pardo Bazán.
O presidente da Xunta aproveitou a súa intervención para agradecer á Biblioteca Nacional, a Acción Cultural Española, á Comunidade de Madrid, ao Concello da Coruña, á Real Academia Galega e aos comisarios a súa implicación para facer posible esta exposición.
Así mesmo, recordou que esta mostra forma parte das 40 actividades programadas para conmemorar o centenario da morte da escritora, entre as que destacan: a exposición no Museo de Belas Artes da Coruña, a mostra organizada pola Universidade de Santiago sobre o seu pasos en Compostela, ou proximamente a da Biblioteca de Galicia e a de Cen anos sen Emilia, que percorrerá as principais cidades de Galicia. Ademais da celebración de congresos e reunións científicas coa Real Academia Galega e a Universidade da Coruña; así como a programación de distintos actos nas bibliotecas públicas galegas para divulgar a súa figura.