A Xunta de Galicia festexará o Día da Música a tarde do sábado 26 de xuño coa celebración de cinco concertos de artistas internacionais nos espazos exteriores Cidade da Cultura de Galicia, vencellados cada un deles ás cinco rutas do Camiño de Santiago.
As actuacións, que se encadran na programación do Xacobeo 21-22, comezarán as 18,00 horas coa cantaora andaluza Rosario la Tremendita, á que lle seguirá o fadista pop portugués André Henriques; o grupo vasco-francés Kalakan, que chegou a ser teloneiro de Madonna; e o oscarizado compositor compostelán Nico Casal. Ás 22,00 horas porán o peche a este pequeno festival Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre cun repaso ao seu repertorio conxunto de música de raíz. A entrada será de balde, a través de convites para cada un dos concertos, que se poderán retirar a principios da semana que vén no portal web de ataquilla.com e tamén a través da cidadedacultura.gal.
A celebración do Día da Música é unha actividade consolidada na axenda da Cidade da Cultura e marca o inicio da programación cultural do verán no Gaiás. Nesta 2021 dáselle un pulo especial con cinco concertos, tanto pola liña de reactivación e dinamización do sector cultura coas que está comprometida activamente a Xunta de Galicia como por encadrase nas accións do Ano Santo que se está a festexar.
RUTA XOCOBEA
Por este motivo, a celebración do Día da Música 2021 no Gaiás leva por título Peregrinación musical, xa que se propón coa programación destas cinco actuacións unha especie de percorrido musical polos espazos exteriores da Cidade da Cultura recollendo en cada concerto os sons propios que calquera camiñante pode escoitar e gozar nas localidades que atravesan as cinco rutas xacobeas.
Deste xeito, a actuación do Xardín do Teatro, ás 18,00 horas, estará vencellada coa Vía da Prata e cos sons do sur da renovadora cantaora Rosario la Tremendita. A actuación das 19,00 horas será nos exteriores das Torres Hejduk, onde o público poderá escoitar o fado e a canción portuguesa con aires pop de André Henriques para evocar o Camiño Portugués.
O Parque da Balea acollerá ás 20,00 horas a homenaxe ao Camiño francés do repertorio da formación Kalakan. Este trío vasco-francés, que ten compartido escenario con Madonna, aposta polos ritmos de percusión da tradición éuscara pero desde unha lectura e interpretación contemporánea .
A peregrinación musical do Día Música 2021 continuará polo Camiño Inglés cun concerto ás 21,00 horas no Lago do Xardín Literario co compositor e pianista Nico Casal. Este músico compostelán afincando en Londres obtivo o recoñecemento internacional ao facerse cun premio Óscar pola banda sonora da curtametraxe Stutterer; e seguiu recollendo gabanzas da crítica por outras bandas sonoras, como a de María y los demás.
PECHE
A andaina xacobea do Día da Música rematará na Praza Central do Gaiás ás 22,00 horas cun dos músicos de raíz con maior proxección dentro e fóra de Galicia: Xabier Díaz, que estará acompañado das súas inseparables Adufeiras de Salitre coas que recibiu o Premio da Música Independente (MIN), o Premio Martín Códax da Música e o Premio á Mellor canción en galego da primeira edición dos galardóns aRitmar.
Esta actuación subirá 15 músicos e músicas enriba do escenario para un peche cun poderoso directo no que Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre revisarán o seu repertorio conxunto.
As persoas que se queden ata este último concerto do Día da Música terán á súa disposición un autobús do servizo urbano que sairá da Cidade da Cultura dirección o centro de Santiago de Compostela ás 23,45 horas.