Co gallo do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado ao escritor e profesor ferrolán Ricardo Carvalho Calero, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega, a Associaçom Galega da Língua (AGAL), a CRTVG, a Fundación Penzol, a Academia Galega da Lingua Portuguesa e os concellos de Santiago e Ferrol, entre outras entidades e institucións, veñen de presentar hoxe no Museo Centro Gaiás o avance dun programa de actividades conxunto que abrangue máis de 200 iniciativas no eido literario, expositivo, deportivo, educativo, empresarial, musical, escénico, plástico e académico, entre outros, dirixidas a pór en valor o legado de Carvalho Calero e que terán como acto central o propio Día das Letras, o vindeiro 17 de maio.
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez ‒en nome das consellerías de Educación, Universidade e Formación Profesional, de Política Social e de Cultura e Turismo, amais da Escola Galega de Administración Pública‒, comezou a súa intervención referíndose á cultura como “elemento vertebral da sociedade que xera cohesión entre as persoas” e afirmando que 2020 é “un gran ano para a cultura galega”, apuntando as principais citas e conmemoracións culturais, como o Día das Letras a Carvalho Calero, os centenarios da Xeración Nós e de Isaac Díaz Pardo, o bicentenario de Concepción Arenal ou a antesala do Xacobeo 2021.
Na rolda de prensa participaron, ademais do conselleiro, o presidente da RAG, Víctor Freixanes; a secretaria do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra; a xefa de Responsabilidade Social Corporativa de CRTVG, Marta Fernández Sánchez; o presidente da Associaçom Galega da Língua, Eduardo Sánches Maragoto; a primeira tenente de alcalde do Concello Santiago de Compostela, Mercedes Rosón; o primeiro tenente de alcalde do Concello de Ferrol, Antonio Golpe Díaz, e as dúas fillas do homenaxeado, Margarita e María Victoria Carballo-Calero Ramos.
PARTICIPATIVO E INTERNACIONAL
O titular de Cultura subliñou o acerto da RAG ao dedicarlle o Día das Letras a Carvalho Calero, “pois o valor da súa achega é indiscutible e ademais chega nun momento no que as persoas máis próximas ‒a parte da súa dona‒, as súas fillas: Margarita e María Victoria, poden desfrutalo, acreditando o agarimo, respecto e admiración que a vida e obra do seu pai concitou e concita”; concluíndo a súa intervención co carácter “especial e diferente”, desta celebración que, ano a ano, “se renova co talento e a pegada indeleble da palabra, o pensamento e a lingua”.
Finalmente, o conselleiro subliñou que o Día das Letras 2020 será amplamente participativo e internacional. Destacou o traballo realizado nos 33 centros de estudos galegos repartidos por América, Europa e Asia; e sinalou que, por primeira vez, a mostra itinerante promovida pola Xunta para divulgar a figura do homenaxeado coas Letras Galegas, neste caso, en colaboración coa AGAL, será exposta nun concello portugués: Viana do Castelo. “Un fito importante ‒en palabras de Román Rodríguez‒ polo que supón de apertura e fomento do ámbito lusófono e de estreitamento de lazos co norte de Portugal, co que, sen dúbida, compartimos moitos intereses e obxectivos”.
EN TODAS PARTES Y PARA TODOS
A voz presente é unha das 12 mostras previstas até o momento na programación coa que difundir a dimensión artística, humana e lingüística de Ricardo Carvalho Calero, poñendo en valor e contextualizando a súa figura e o seu legado, que percorrerá once concellos galegos e, por primeira vez, un portugués. En concreto, a mostra itinerará de marzo a decembro e chegará a Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra, A Coruña, Ribadavia, Mondoñedo, Amoeiro, Celanova, Vigo e Viana do Castelo.
A maiores dos diferentes proxectos expositivos, está prevista unha pléiade de actividades de participación social. Desde iniciativas do eido empresarial, impulsadas por Renfe Viajeros, Gadisa, Vegalsa-Eroski ou Feiraco. Até eventos deportivos como a Carreira Camiño das Letras, que o 17 de maio percorrerá o treito do Camiño de Santiago que une o Pico Sacro coa Cidade da Cultura de Galicia. Pasando pola celebración de oito certames en diversas categorías e modalidades, convocados para homenaxear e difundir a figura de Calero.
Os equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos galegos elaboran recursos e organizan abondosas de actividades para dar a coñecer o autor homenaxeado o 17 de maio, a súa obra e o seu compromiso coa lingua galega. Unidades didácticas, obradoiros de decoración de bolsas e camisetas con frases e versos do homenaxeado, certames, calendarios, marcapáxinas, crebacabezas, presentacións, xincanas, exposicións, festivais, biografías para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, brincaletras, pasapalabras, vídeos, podcasts, telexornais, cancións, videopoemas, obras dramáticas e mesmo adaptacións de pezas de Carvalho Calero ao teatro de varietés ou ao medio audiovisual son algunhas das propostas que se van desenvolver en colexios, institutos e escolas oficiais de idiomas de toda Galicia.
Multitude de actividades de lectura, viaxes culturais, roteiros, relatorios, obradoiros e proxeccións completan unha programación na que, nesta ocasión, o teatro e a narración oral ocupan un lugar importante. Neste sentido, o programa de dinamización da lingua galega da Secretaría Xeral de Política Lingüística, FalaRedes, presenta Teatro dos Vieiros, unha proposta destinada ao público familiar que poderá verse en 14 concellos da Rede de Dinamización Lingüística. Finalmente, as bibliotecas públicas galegas volverán a xogar un papel fundamental con numerosas actividades expositivas, obradoiros e unha ampla programación cultural pensada na difusión da figura homenaxeada.
CALERO IMPRESCINDIBLE
Este 2020, a RAG acordou honrar co Día das Letras Galegas a Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), de quen a institución salienta o seu compromiso galeguista, que mesmo o levou a sufrir cárcere tras a Guerra Civil; a súa faceta de creador literario nos eidos da poesía, a narrativa e o teatro; o seu labor no campo da historia literaria galega, da que pode considerarse fundador coa monumental Historia da literatura galega contemporánea (1963); o feito de ser o primeiro profesor e catedrático de Lingüística e Literatura Galega; e a influencia, nos últimos anos da súa vida, das súas ideas sobre a lingua propia de Galicia.
A traxectoria de Carvalho Calero rastréxase nas abondosas institucións e entidades culturais e sociais das que formou parte ou que lle recoñeceron o seu valor. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos, do Partido Galeguista, da Real Academia Galega, e da Academia das Ciências de Lisboa, ademais de membro de honra da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Associaçom Galega da Língua. Calero dirixiu o Colexio Fingoi, participou de xeito activo nas actividades do Grupo Galaxia, foi recoñecido coa Medalla Castelao da Xunta de Galicia (1984) e declarado Fillo Predilecto de Ferrol.