viernes. 22.11.2024

“Cando a poesía caeume enriba como un lóstrego, descubrín a riqueza da linguaxe e da vida e aprendín a ver o mundo cos seus ollos", afirma Pexegueiro

“O corazón gabea e observa, pero a vida morre porque o poema foi roto na mirada do neno”. Con estas verbas comezaba o poeta ponteareán Alfonso Pexegueiro o pregón que daba o pistoletazo de saída á sétima edición da Feira do Libro de Ponteareas, un evento que durante catro días encherá as rúas e xardíns da vila do mellor ambiente literario.
Alfonso Pexegueiro na Feira do Libro de Ponteareas.
Alfonso Pexegueiro na Feira do Libro de Ponteareas.

“O corazón gabea e observa, pero a vida morre porque o poema foi roto na mirada do neno”. Con estas verbas comezaba o poeta ponteareán Alfonso Pexegueiro o pregón que daba o pistoletazo de saída á sétima edición da Feira do Libro de Ponteareas, un evento que durante catro días encherá as rúas e xardíns da vila do mellor ambiente literario.

“Son catro días nos que poñer en valor o labor que fan as librerías día a día, nos que gozar de actividades emocionantes e enriquecedoras e compartir a nosa paixón pola literatura. Pero esta feira anual é tamén un espazo no que descubrir novas historias, explorar diferentes xéneros e expandir os nosos horizontes”, salientou a alcaldesa, Nava Castro, durante o acto inaugural, no que estivo acompañada polo director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; pola representante da Federación de Librarías de Galicia, Teresa Márquez; e por membros da Corporación municipal.

Pexegueiro con Nava Castro e
Pexegueiro con Nava Castro e o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo.

Unha paixón pola palabra que comparte o pregoeiro, un dos poetas máis influíntes da súa xeración, rupturista e inconformista como poucos, que despegou o seu percorrido literario coa publicación en 1976 de ‘Seraogna’, o nome do seu Angoares natal ao revés, co que rachou de xeito contundente coa tradición galega para abrir as portas a estilos máis universais.

“Con este libro non estaba publicando un poemario, senón construíndo un mundo, unha mitoloxía, un universo que ía máis alá de Angoares e do Cabalón, ponte na que está a casa dos soños, soños que non se quedan na aldea, senón que expanden por todo o mundo da man de quen conta todo”, explicou Pexegueiro.

O autor rememorou sentimentos da súa infancia e da súa relación coa poesía e a literatura xa que, como sinalou, “cando a poesía caeume enriba como un lóstrego, descubrín a riqueza da linguaxe e da vida e aprendín a ver o mundo cos seus ollos. Eu fun medrando ao seu carón entre os recunchos de Ponteareas”.

Para Pexegueiro, “a cultura en xeral e a literatura en particular manifesta que a vida real exterior mestúrase coa vida real interior e ambas as dúas configúrannos como seres humanos. Neses espazos constrúese a literatura, crea unha forma, unha arquitectura interior”. “O libro ten vida, ten alma, ten verdade, ten luz, ten horizonte, ten sentimentos, ten lúa... porque nos libros concéntranse os soños do universo. E é que sen soños non hai realidade que nos tranquilice nin progreso posible”, resaltou.

Durante o acto nos Xardíns da Xiralda as autoridades, pregoeiro e público descubriron unha placa dedicada a figuras senlleiras de Ponteareas, nesta ocasión na honra do propio Alfonso Pexegueiro.

“O libro vivirá o que vivan os soños no ser humano. Debemos protexelo e coidalo, o mesmo que el nos protexe e coida a nós. Por iso quero reivindicar na Feira do Libro de Ponteareas algo fundamental para a nosa vida, o entusiasmo pola lectura e pola vida. Hoxe reivindico a poesía como unha forma de autoridade social, porque sempre nos salva, ata no imposible. De aí a importancia da literatura, da esperanza e do soño”, concluíu.

A inauguración desta sétima edición da Feira do Libro de Ponteareas contou coa participación do Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, quen resaltou a importancia de formatos como o deste evento, que “dá a oportunidade de falar con editores, autores e autoras, ilustradores e ilustradoras... pero que tamén nos permite vivir os libros como punto de encontro, como elemento de refuxio e de esparexemento”.

Pola súa banda, Teresa Márquez, representante da Federación de Librarías de Galicia, salientou a relevancia da Feira do Libro como punto de partida “para transmitir emocións, coñecementos ou ideas que poidan transformar a sociedade”.

Durante o acto nos Xardíns da Xiralda as autoridades, pregoeiro e público descubriron unha placa dedicada a figuras senlleiras de Ponteareas, nesta ocasión na honra do propio Alfonso Pexegueiro.

“Cando a poesía caeume enriba como un lóstrego, descubrín a riqueza da linguaxe e da...
Comentarios