viernes. 22.11.2024

A exposición As miradas de Isaac, organizada pola Xunta de Galicia, concluíu onte a súa estadía na sede de Afundación da Coruña tras dous meses de exhibición e ser visitada por máis de 4.000 persoas. Estas cifras sumadas ás que a transitaron durante a súa permanencia en Compostela, elevan a 30.000 o número total de visitantes da mostra en Galicia.

As miradas de Isaac foi a primeira grande exposición da Xunta de Galicia en homenaxe a Díaz Pardo despois do seu falecemento, en xaneiro de 2012. Comisariada por dous dos seus fillos —Camilo e Xosé Díaz Arias de Castro—, inaugurouse en novembro de 2020 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura para facela coincidir co centenario do seu nacemento (1920) e para pór en valor o legado e as achegas á cultura galega do impulsor da recuperación da fábrica de cerámica de Sargadelos, do Laboratorio de formas, do Seminario de Estudos Galegos, do Instituto Galego da Información, de Ediciós do Castro ou do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, entre outros moitos proxectos relevantes.

Tras permanecer en Santiago seis meses, a mostra abriu as súas portas na sede coruñesa de Afundación o 28 de xuño, inaugurando así un programa de itinerancias que continuará en Vigo a finais do mes de setembro. Na cidade herculina, As miradas de Isaac contou cunhas 500 pezas entre obras de arte, murais, cerámicas, carteis, publicacións e obxectos persoais que buscaban reflectir a inesgotable creatividade de Díaz Pardo e o seu papel imprescindible na evolución da cultura galega.

Estruturada en dez seccións, a exposición percorre o periplo vital e profesional de Isaac Díaz Pardo. Con este obxectivo, dá conta da pegada e influencia do pai –Camilo Díaz Baliño– no desenvolvemento da súa personalidade, da súa infancia e mocidade en Compostela e da súa faciana de pintor, que deixou unha fonda marca en todas as súas realizacións.

Do mesmo xeito, céntrase no contacto de Díaz Pardo co exilio e no seu compromiso pola recuperación da memoria histórica, o labor como escritor, as iniciativas empresariais, con Sargadelos como insignia, e as iniciativas culturais e investigadoras, entre as que cabe destacar o Laboratorio de Formas ou o Instituto de Galego de Información. O relato expositivo non esquece o deseñador industrial que proxectou máquinas, porcelanas, mobles ou Ediciós do Castro, o editor imparable e finalmente enxalza o recuperador –con Luis Seoane– da vangarda artística galega anterior á Guerra Civil, coa posta en marcha do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside.

A exposición na Coruña tamén incorporou como elemento vertebrador a videoinstalación feita pola neta de Isaac Díaz Pardo, a fotógrafa e xornalista cultural Cecilia Díaz Betz. Esta peza audiovisual, elaborada en colaboración co realizador Jordi Cussó, foi creada a partir de materiais de arquivo e propón un encontro co intelectual e artista, que relata en primeira persoa a súa vida e obra. Unha forma radicalmente diferente de reivindicar e lembrar a súa figura, máis acorde coa súa propia visión vangardista, e coa que se procura revivir o seu universo e o seu espírito sempre aberto, tanxencial e polifacético.

'As miradas de Isaac'