O Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura e Turismo, acordou a contratación do director de escena e actor vigués Fran Núñez para a cobertura do posto de coordinación do departamento de Produción Teatral, que inclúe a dirección do Centro Dramático Galego (CDG).
Con este acordo, publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), finaliza o procedemento de convocatoria pública iniciado o pasado 31 de agosto. A candidatura de Fran Núñez foi a que obtivo maior puntuación en cada unha das tres fases do proceso, que incluíron unha valoración dos méritos achegados, dun proxecto artístico e unha entrevista persoal. Entre as tarefas asignadas a este posto de persoal directivo están as de exercer a dirección artística do CDG, así como dirixir, coordinar e planificar o persoal e a actividade do Salón Teatro.
Francisco Javier Núñez Alonso (Vigo, 1986) é doutor en Economía Aplicada pola Universidade de Santiago de Compostela, mestrado en Artes Escénicas e Teoría do Espectáculo pola Universidade do País Vasco, mestrado en Economía da Cultura e Xestión Cultural pola Universidade de Valladolid, licenciado en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo e titulado superior en Arte Dramática pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
Fundador das compañías Limiar Teatro e Teatro del Hereje, asumiu diferentes roles en proxectos producidos e coproducidos por formacións públicas e privadas de España, Francia, Brasil, Uruguai, Arxentina e Portugal, entre as que destacan Teatro de la Zarzuela, Los Goliardos e Teatro Español (as tres en Madrid), o proxecto internacional itinerante Ship of Fools, Boccaccione (Brasil), Teatro Nacional D. Maria II (Portugal) ou Orquestra Sinfónica de Galicia. Co CDG levou a cabo tres coproducións: Panxeia (2009), Os catro da Xunqueira (2014) e Se fosen turistas, levarían gafas de sol (2019).
Como autor, participou no Certame Interplay Europa 2014 de dramaturxia e, como xestor cultural, organizou tres edicións do festival de teatro Ponte nas Ondas, en Gondomar (Pontevedra). Na actualidade viña compaxinando o seu traballo como director artístico de Limiar Teatro coa actividade investigadora nas universidades de Santiago de Compostela, Vigo e Valladolid.