viernes. 22.11.2024

A Real Filharmonía de Galicia daba os seus primeiros pasos o 29 de febreiro de 1996. A orquestra cumpre 25 anos cunha traxectoria xa consolidada, baixo a xestión do Consorcio de Santiago, organismo interadministrativo no que cooperan o Goberno de España, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago. Con sede na cidade de Santiago, no Auditorio de Galicia, traballa por levar a música a Galicia enteira.

Para conmemorar esta importante efeméride, estaba previsto celebrar un concerto na primeira semana de marzo pero as actuais circunstancias sanitarias obrigaron a aprazalo para o vindeiro verán.

O alcade de Santiago e presidente do Consorcio da Cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo, indica que “desde a súa creación, a Real Filharmonía de Galicia é un motivo de orgullo para todos os composteláns e un referente cultural para toda Galicia”. Salienta que “supuxo un salto cualitativo na oferta e tamén na educación musical, non só dos composteláns, senón de toda Galicia e moito máis alá”.

COLABORACIÓNS

A RFG está formada por cincuenta músicos de 17 nacionalidades diferentes: España, Gran Bretaña, Alemaña Italia, Francia, Polonia, Rusia, Ucraína, Moldavia, Hungría, Letonia, Bosnia, Bulgaria, Romanía, Estados Unidos, Uruguai e Xapón.

O primeiro director titular da orquestra foi Helmuth Rilling, entre 1996 e 2000. Seguiulle o mestre catalán Antoni Ros Marbà, que consolidou a súa traxectoria durante catorce anos e, desde xaneiro de 2013, Paul Daniel. Desde a súa creación, o compostelán Maximino Zumalave é o director asociado da orquestra. Ao longo destes anos a RFG ofreceu ao redor de 1.250 actuacións, coa participación de máis de 600 solistas de recoñecido prestixio internacional, entre eles o violinista Frank Peter Zimmermann, o pianista Joaquín Achúcarro, a mezzosoprano Teresa Berganza ou a lenda viva do jazz latino Paquito D´Rivera. E dirixírona preto de 300 directores do talle de Frans Brüggen, David Afkham, Juanjo Mena ou Josep Pons.

O seu variado repertorio abrangue desde Bach á actualidade, asumindo plenamente o seu compromiso cos novos compositores galegos a través de varias encargas anuais. Ademais, colabora habitualmente con artistas e grupos galegos e nacionais de diferentes estilos musicais como Santiago Auserón, Milladoiro, Sumrrá, Carlos Núñez, Cristina Pato, Abraham Cupeiro, Abe Rábade, Uxía…

XIRAS

Cada temporada a Real Filharmonía de Galicia ofrece concertos nas principais cidades e localidades galegas. Tamén leva a súa música ao resto de España e ten realizado xiras internacionais por Alemaña, Austria, Francia, Brasil, Arxentina, Cuba e Portugal. A última tivo lugar o ano pasado con catro concertos polas cidades austríacas de Salzburgo e Bregenz. En 1998 convertíase na primeira orquestra española en actuar no Grosses Festspielhaus de Salzburgo durante a Semana Mozart, con grande éxito de público e crítica. Outros fitos reseñables son a súa participación na Expo ´98 de Lisboa ou o concerto na Catedral de Santiago baixo a batuta de Sir Neville Marriner.

DISCOGRAFÍA

Durante estes anos a orquestra gravou un total de 23 discos, entre eles varias das Sinfonías de Schubert con Helmuth Rilling, unha homenaxe a Joaquín Rodrigo no centenario do seu nacemento, música clásica galega, discos dedicados a Frederic Mompou, Maurice Ravel, outro dedicado a Rosalía de Castro con Amancio Prada, varios musicontos para os máis pequenos, a banda sonora do filme “Cargo” protagonizado por Luís Tosar; e os máis recentes co multiinstrumentista galego Abraham Cupeiro, o dedicado á música orquestral de José Arriola ou “Cantos y revueltas” co trompetista venezolano Pacho Flores co selo Deutsche Grammophon. Así mesmo, a RFG gravou a banda sonora de “Enrrugas”, Goya 2012 á mellor película de animación e mellor guión adaptado.

Un dos principais empeños da RFG é achegar a música clásica a novos públicos

Unha dos principais empeños da Real Filharmonía de Galicia é achegar a música clásica a novos públicos, en particular aos máis xoves e ás familias. Cada temporada organiza concertos didácticos dirixidos ao alumnado dos centros educativos de primaria e secundaria de toda a comunidade. Destaca ademais o proxecto conxunto que mantén coa coa Escola de Altos Estudos Musicais para a formación musical de alto nivel.

Así mesmo, promove concertos tanto no Auditorio de Galicia como nos barrios para chegar a todo tipo de público. Neste afán, emite boa parte dos seus concertos en directo por streaming e de maneira aberta.

A RFG prepara un concerto para o verán con motivo dos seus 25 anos