O Museo Casa de la Troya continúa coa súa actividade dos Venres Troyanos, que se poñía en marcha hai catro anos con grande éxito entre o público de todas as idades. Os vindeiros vanse desenvolver os días 9 -xa completo-, 16, 23 e 30 deste mes.
“Queremos ir retomando a nosa actividade habitual, pero cumprindo sempre as medidas de prevención fronte á COVID-19 no relativo a aforos e emprego de máscara" -salienta Benigno Amor, presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o Museo-. A vella pensión de estudantes poderá visitarse ata mediados de setembro, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, pechando os domingos e os luns. Todas as visitas son conducidas pola guía Carmen Lorenzo e teñen unha duración duns vinte e cinco minutos, en grupos de dez persoas máximo.
“Trátase de roteiros culturais teatralizados por diferentes rúas e prazas do casco antigo de Compostela, co fin de achegar aos participantes, de maneira amena e divertida, os feitos históricos relativos ao tempo no que transcorre a novela de Pérez Lugín La Casa de la Troya” -explica o director do Museo-. Durante o percorrido explícase como era a cidade entón, os usos sociais hoxe desaparecidos e tamén se afonda nas personaxes e anécdotas da época.
Estes roteiros dramatizados pola cidade histórica compostelá, realizados co apoio da Deputación da Coruña, partirán da praza de Mazarelos, ao pé da estatua de Montero Ríos, ás 19:00 horas, e rematarán diante da Casa de la Troya aproximadamente unha hora e media máis tarde, sobre 20:30 horas. O número máximo de participantes por cada visita será de 10, debido ás restricións provocadas pola situación sanitaria. Cómpre realizar reserva previa enviando un correo electrónico a [email protected] ou chamando aos teléfonos do Museo (981 585 159 / 695 211 266).
O guía estará caracterizado como o estudante Barcala da novela de Lugín
Estas visitas guiadas ofrecen a posibilidade de viaxar no tempo ata a Compostela de finais do século XIX da man de Casimiro Barcala, o estudante recreado por Pérez Lugín na súa novela; interpretado por Suso Martínez, historiador, guía turístico, divulgador e actor especializado na historia de Galicia, que leva máis dunha década realizando visitas guiadas dramatizadas. Nesta actividade búscase combinar a información cultural e histórica co humor. O guía vencellará os lugares que se visiten coa trama do libro.