lunes. 25.11.2024

150 anos de historia da Banda de Música Unión de Guláns

A exposición estará aberta ata o vindeiro luns 12 de xuño no vestíbulo do auditorio municipal. Recolle fotografías, instrumentos, partituras, cartelaría, traxes e outros elementos de diferentes épocas

O público poderá ver a evolución da banda a través de fotografías, partituras, instrumentos, carteis, traxes e outros moitos elementos de diferentes épocas dende a súa creación no ano 1870.
O público poderá ver a evolución da banda a través de fotografías, partituras, instrumentos, carteis, traxes e outros moitos elementos de diferentes épocas dende a súa creación no ano 1870.

O Corpus abre as portas aos 150 anos de historia da Banda de Música Unión de Guláns. O vestíbulo do auditorio municipal Reveriano Soutullo acolle ata o vindeiro luns 12 de xuño unha exposición na que o público poderá ver a evolución da banda a través de fotografías, partituras, instrumentos, carteis, traxes e outros moitos elementos de diferentes épocas dende a súa creación no ano 1870.

A idea da mostra xurdiu no ano 2015 dunha exposición itinerante de instrumentos antigos realizada con distintas bandas de música e que deu pé a unha exposición en Guláns que foi todo un éxito de público. Agora, a banda da un paso máis e “aumentamos a cantidade de material exposto para repasar o século e medio de vida da Unión e realizar un acto máis na celebración do noso 150+3 aniversario”.

O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, sinala a importancia de celebrar este aniversario para a banda que “cumpriu 150 anos en 2020 pero non puidemos poñer en valor a súa ampla traxectoria e legado por mor da situación sanitaria, polo que agora era necesario retomar esa celebración achegando a súa historia á maior cantidade de público posíbel nunha data tan importante para todas e todos nós como é o Corpus”.

O público poderá achegarse á banda de música a través de 41 paneis que repasan a súa historia a través de fotografías de actuacións, festas, viaxes... recollidas “despois de repasar centos de fotografías grazas á colaboración de músicas e músicos e veciños e veciñas que fixeron posíbel que recompilásemos tanta información”. Ademais, en catro vitrinas cedidas pola Fundación da Casa Cultural de Guláns poden verse partituras antigas, discos, libros, carteis e recoñecementos recibidos ao longo destes anos.

A mostra complétase coa exposición de instrumentos, traxes, partituras emblemáticas e atrís de madeira, así como material e gravacións antigas. Un amplo mostraxe que permite recoñecer caras coñecidas como a Rogelio Groba, Indalecio Fernández ou Miguel Groba e incluso recolle anécdoras curiosas, como un contrato da banda de música de hai  50 anos que non se chegou a cobrar.

A Banda de Música Unión de Guláns quere agradecer ao Concello a súa colaboración “para que esta exposición saíse adiante”, así como do investigador, profesor e ex músico da banda Anxo Serafín Porto, “que fixo un labor de investigación impagábel para por nome a todas as persoas que saen nas fotografías”. Tamén destacan que nada sería posíbel sen a colaboración de ex músicos e veciñanza de Guláns, que colaboraron na exposición deixando material desinteresadamente e incluso nalgúns casos doándoo á banda para a súa conservación.

A exposición estará aberta ao público entre semana de 20.00 a 21.00 horas, o venres 9 de 20.00 a 22.00 horas, o sábado 10 de 20.00 a 02.00 horas e o domingo 11 de 09.00 a 14.30 horas. A mostra pechará o vindeiro luns 12, que estará aberta ao público de 20.00 a 22.00 horas.

150 anos de historia da Banda de Música Unión de Guláns
Comentarios