Onte pola noite celebrouse no Pazo de Mos a presentación das XVIII Xornadas Micolóxicas e Forestais do Concello de Mos. No acto estiveron presentes o tenente alcalde, Camilo Augusto, o concelleiro de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, e edil de Participación Cidadá, Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, o tamén concelleiro do equipo de goberno local, Gonzalo Alonso, a deputada provincial, Victoria Alonso, o presidente da Asociación de Hostaleiros BaRes Mos, Esteban Cidanes, representantes da Comunidade de Montes de Mos e Fundación Pazo de Mos, así como dos 6 negocios de hostalería mosenses participantes nesta 18 edición das xornadas: Adega da Tía Carmen, O Alpendre, Baxiña, Curuxeira, O Bocadiño e Maceira.
O programa de actividades comezará o vindeiro 31 de outubro coa primeira das charlas formativas titulada “O Cultivo do Castiñeiro en Galicia”. Todas serán ás 20.30 horas no Pazo de Mos.
A segunda das charlas titúlase “Media ducia de cogomelos que pasaron de comestibles a tóxicos” e terá lugar o día 2 de novembro. Pola súa banda o 3 de novembro, a experta micóloga mosense, parte fundamental e imprescindible destas xornadas, Puri Lorenzo, impartirá a charla “Iniciación á Micoloxía”. O venres 4 de novembro chegará o turo da charla “Cociñando cogomelos”.
Ademais das conferencias didácticas realizarase a tradicional saída para recollida e identificación de cogomelos o sábado 5 de novembro en horario matutino de 10.00 horas a 13.30 horas; con saída desde o Pazo de Mos.
A participación nas charlas require de inscrición previa na seguinte ligazón: https://bit.ly/3CrJwsz
XORNADA DE DEGUSTACIÓN
A programación das Xornadas Micolóxicas incluirá tamén, e como non podía ser doutro xeito, a tan popular e esperada gran xornada de degustación de cogomelos e VI micromercado nos exteriores do Pazo de Mos. Será o domingo 6 de novembro de 12.00 a 15.00 horas e durante a mesma poderanse gozar dos pratos ofertados tanto pola propia Asociación BaRes Mos, como polos 6 establecementos participantes nas xornadas deste anp. A Adega da Tía Carmen servirá empanada e croquetas de pan de Millo e Setas. O Alpendre, Guiso de Fabas e Setas; Baxiña: Variado de Croquetas de Setas, Curuxeira: Tortilla de setas e Fajita de Setas. O Bocadiño: Tosta de Garbanzos con Setas, e a Hamburguesería Maceira: Mini burger de polo e trompetas dos muertos con carpaccio de setas de cardo e cheddar, e Niscalos 'pibil' e totopos de yuca con escuma de san simón e caviar cítrico. Ademáis do día da gran degustación, todos estes pratos poden probarse xa nos establecementos de cada un destes hosteleiros e durante todo o mes de novembro.
A gran degustación do 6 de novembro contará ás 12.00 horas cun concerto en pequeño formato de Susana Seivane e unha actividade infantil ás 18.00 horas da man de Paco Nogueira baixo o título “Canto Contigo”.
A mostra micolóxica e consulta aberta ao público estará operativa de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 horas a 20.00 horas.