viernes. 22.11.2024

O Concello de Tomiño dá un paso máis no proceso de transformación e mellora dos espazos públicos, convertendo os núcleos das parroquias en lugares de encontro e lecer no que se aposta por crear novos espazos para as persoas. A vindeira semana comezarán os traballos de urbanización e mellora da contorna da Costa, da estatua e da igrexa da Peregrina de Estás, unhas obras que suporán un investimento de 375.000 euros e que suporán a transformación deste espazo en apenas cinco meses.

A alcaldesa, Sandra González, destaca a importancia desta intervención, “que recolle o noso compromiso pola transformación do modelo urbano do municipio, mellorando os espazos públicos para o desfrute da veciñanza e potenciando os núcleos de centralidade en todas as parroquias. Con estas obras crearemos unha contorna máis agradable e accesible, fomentando a integración de toda a zona”.

A remodelación da contorna da Costa permitirá incorporar unha maior humanización do espazo, buscando unha mellor integración da zona da praza da igrexa co vieiro que dá acceso ás vivendas a través dunha plataforma única que facilite a accesibilidade e o uso preferente peonil.

Acondicionarase o espazo eliminando o pavimento existente de aceira e asfalto para substituílo por un pavimento que dea continuidade ao conxunto e que alternará con zonas de baldosas para destacar elementos como a propia igrexa, o palco, o banco de pedra ou a zona da fonte. Nese camiño de mellora do espazo reverdecerase a contorna creando unha arboreda colocada de forma estratéxica en alcorques e parterres que dará maior amplitude aos espazos e contribuirán a delimitar o paso de vehículos, reducindo a velocidade do tráfico rodado e facendo o vieiro máis seguro para a veciñanza. Por outro lado, darase un tratamento singular aos elementos de valor da contorna como a propia igrexa, o palco de música, a estatua da Peregrina e os elementos de arquitectura indiana.

Nesta recuperación de espazos, mellorarase a conexión entre o Centro Cultural de Estás e a igrexa da Peregrina e realizarase unha pequena modificación do alumeado para contar con novos puntos de luz que realcen a transformación de toda a contorna. Ademais, daráselle importancia a aquelas obras que non se ven mellorando o saneamento e abastecemento e darase tamén solución á problemática existente de  recollida  induficientedas augas pluviais que en momentos de chuvias torrenciais ten xerado importantes problemas á veciñanza. O resultado será “un espazo público contemporáneo, máis humanizado no que prima o uso peonil e que pon en valor a arquitectura e mais o espazo”.

Tomiño transforma os espazos públicos das parroquias en lugares de encontro e lecer
Comentarios