A
cidadanía arroupou o acendido oficial da iluminación de Nadal na Praza da
Música e ateigou as rúas dende a praza Bugallal para vivir a conta atrás e
deixarse levar pola maxia do nadal.
A
participación bateu récords para fixar na historia de Ponteareas este arranque
de nadal no que a bola xigante de 17 metros de diámetro foi a protagonista. Ao
pé dela foron milleiras as persoas que quixeron ser testemuña despois de
percorrer as rúas con Troula Animación sendo protagonistas do espectáculo “A
luz do camiño”.
Comezou
así a programación das festas de nadal nas que non faltarán os obradoiros
infantís, a presentación de libros como “La muerte de Marilyn y otros relatos”
de Isabel Blanco, contacontos, actividades deportivas únicas como o hóckey
Máster 35, as partidas simultáneas de xadrez ou a gala de patinaxe, os
monólogos como o de Cándido Pazó , as actuacións das nosas bandas de música e
de bandas convidadas como a do conservatorio superior de Vigo, teatro
afeccionado e teatro profesional, as propostas do Divernadal, cine familiar e
ducias máis para desfrutar en familia.
No
marco desta programación de nadal está o
día 21 a presentación do noso calendario galego para o 2020 na que os e as
fotógrafas participantes transforman a alma de Ponteareas en instantáneas únicas
que desvelan recunchos tan máxicos como o nadal.
O
apalpador visitará a carpa da praza Maior o xoves 26 ás 19 horas no que tamén
se agasallará cunha gran chocolatada para todos e todas.
A
pista de patinaxe abrirá as súas portas o día 3 de xaneiro para quedar todo o
mes e premiar á clientela do comercio local.
O
domingo día 5 será a recepción dos Reis Magos ás 12 horas na Casa do Concello e
ás 16:30 horas comezará a animación musical e infantil nas rúas e prazas para
que ás 17:30 horas comece a cabalgata tradicional dos Magos de Oriente.
Un
ano máis e ante o éxito do ano pasado, o tren da ilusión percorrerá Ponteareas
para que todas e todos poidamos pasear e coñecer a nosa vila e as parroquias
totalmente de balde.
A
segunda edición do Festival Internacional de Danzas de Reis voltará ao
auditorio o domingo 22 a partir das 18 horas.
A
cidadanía poderá sumarse á iniciativa solidaria dos Taninos Runners que abriron
xa a inscrición para a VIII San Silvestre Solidaria que arrancará na praza
Maior ás 16:45 do día 31.
A
concelleira de Eventos e tenenta de alcalde Cristina Fernández salienta a
importancia de ofrecer unha actividade apta para tódolos públicos e nos que
poida participar toda a familia ademais de promover as nosas tradicións como as
clases de baile tradicional, os Ranchos de Reis ou algúns dos concertos.
A
concelleira tamén explica que a programación de nadal, ao igual que o resto da
programación cultural de todo o ano, viaxa máis aló do centro urbano e chega ás
casas e centros culturais das parroquias.
Tamén
como apoio ao comercio e en colaboración coa concellería de Promoción Ecónomica
disporase na carpa da Praza Maior actividades para os máis pequenos e pequenas
e que as familias poidan facer as súas compras no comercio local.