As actuacións das bandas de música de Tui e O Rosal, o festival folclórico, concertos de Manuel Madarnás e The Turre’s Band, pasarrúas da charanga Cantos Somos e a primeira verbena das festas con La Oca Band conforman a programación deste domingo nas Festas de San Telmo.
O concerto da Banda de Música Popular de Tui, dirixida por Eloy Carrera, abrirá este domingo, 31 de marzo, o programa das festas de San Telmo. Actuarán ás 12.30 h na carpa da Corredoira. No mesmo lugar ás 18 h terá lugar o concerto da Agrupación Musical do Rosal dirixida por José Javier Bascoy Iglesias.
O Teatro Municipal acollerá ás 17 h o Festival Folclórico Festas de San Telmo unha cita cunha longa tradición na que participan as diferentes agrupacións folclóricas tudenses. Ao longo da tarde os grupos Santa Columba de Ribadelouro, San Telmo, Traxe Tradicional, Seixos Albos de Areas, Lembranzas da Terra de Guillarei, Inquedanzas de Pazos de Reis, O Mosteiro de Pexegueiro, Xuntanza de Randufe, e Darraia interpretarán muiñeiras, pandeiros, ribeiranas… nun evento que adoita reunir a centos de persoas no patio de butacas. A entrada é libre até completar o aforo.
Ás 19 h no Espazo Feiral o trompetista tudense Manuel Madarnás, acompañado de guitarra, batería, baixo e piano, presentará o seu traballo discográfico "La MMarca 2". No mesmo pon en valor a música instrumental con cancións populares versionadas pola trompeta. No concerto interpretarán dende baladas, boleros, pop, blues ou dance. A continuación comezará a primeira verbena das festas con La Oca Band.
Amais dende ás 19 h polas rúas de Tui, se o tempo o permite, actuará a charanga Cantos Somos. Mentres ás 21 h na carpa da Corredoira será a quenda de The Turre´s Band cun repertorio de Ska, blues, balkan ou verbena galega.
Nesta segunda xornada das festas non faltará a gastronomía xa que continua a Festa do Meixón en seis restaurantes previa reserva, e volverán abrir os postos gastronómicos no Espazo Feiral da man das asociacións culturais A Insua de Caldelas, Cristo da Agonía de Baldráns, Darraia de Tui, Laxes de Paramos, O Mosteiro de Pexegueiro, a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos, San Fins de Rebordáns, e San Roque e San Bartolomeu. Amais o domingo haberá un showcooking con Inma López do Resturante Beldade, para o que as prazas están xa completas, e unha cata comentada para a que é preciso inscrición previa na Oficina de Turismo. Estas dúas actividades forman parte do programa do III Encontro de Viños da Raia que tivo que ser aprazado para a próxima fin de semana debido á previsión de choiva.