miércoles. 04.12.2024

Os ponteareáns viviron unha procesión de Corpus de ‘servizos mínimos’, pero non faltou o espírito alfombrista desta festa. Menos dunha hora durou o percorrido. Nela ían os esenciais: acólitos, presbítero, nenos de Primeira Comuñón, representantes da Adoración Nocturna e autoridades municipais.

 O párroco, D. Ángel Marzoa, revestido e co Santísimo na Custodia, trasladouno polo percorrido habitual desde a praza de Bugallal, rúa Oriente, praza Maior, Escaleira de san Gregorio, rúa Herreros, doutor Fernández da Vega, Reveriano Soutullo e Constitución. A nube de gráficos non faltaron, menos que outros anos, pero abundantes.

O párroco, D. Ángel Marzoa, fixo todo o percorrido a pé co Santísimo e impartiu as cinco  bendicións nos lugares acostumados.

A xente agardaba nas beirarrúas e nos balcóns co entusiasmo de sempre co Señor e un gran respecto. No chan das rúas había debuxados leves esquemas de alfombras feitos con escasos materiais, como o fiúncho e a hortensia. Adiviñábase unha contida emoción por non poder facer o traballo acostumado.

A rúa Oriente destacou coma sempre pola chuvia de pétalos, non tan intensa como noutras ocasións, pero si abundante para a situación en que se celebraba. Tamén o último tramo da rúa Reveriano Soutullo foi un verdadeiro baño de pétalos que alfombraron literalmente a rúa tralo paso do Santísimo.

O silencio axudaba a pregar xunta o Señor Sacramentado. Non había cantos. Tan só as campás da igrexa ao saír o Santísimo e unha salva de aplausos interromperon ese silencio. D. Ángel Marzoa víase moi centrado no Señor, ata sen reparar nos pétalos que quedaban prendidos na Custodia ou na súa cabeza. Ao non ir no porta custodias, puidemos observar de preto a Custodia que un suporía de maior esplendidez para unha ‘Vila do Corpus’ como é Ponteareas. Haberá que buscar algúns doadores que consigan enriquecer este importante obxecto litúrxico para que estea á altura do fermoso sagrario ponteareán e o nome da vila.

Os nenos de Primeira Comuñón foron os “privilexiados” xa que, como non puideron facer a Comuñón, tiveron a súa participación na procesión como lles tocaría este ano. Coas súas catequistas, acompañaron moi ben o Señor Sacramentado.

Recollida a procesión, na igrexa parroquial, houbo outra bendición completa coas ladaíñas de desagravio. Entón, D. Ángel dirixiuse aos cativos para que valorasen o que remataran de vivir.

As alfombras para o ano, como dixo o párroco, han de ser mellores xa que o Señor saíu ás rúas por nós a pesar de non haber alfombras. Os alfombristas, tradicionalmente hoxe o día deles, cómpre se sintan orgullosos de que a tradición da procesión non se interrompeu, é a que dá sentido as alfombras florais. Así cobrará un novo pulo o seu traballo floral ou adquirirá máis rectitude de intención, se nalgún caso se perdeu.

‘Vila do Corpus’ é Ponteareas todo o ano. E  o Señor Sacramentado vai estar contento se o namoramos no Sagrario.

Procesión de Corpus de Ponteareas, unha procesión de ‘servizos mínimos’ nesta ocasión