O
Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, anunciou hoxe algunhas medidas económicas
e fiscais que o Concello implementará diante da crise do coronavirus e do seu
impacto sobre as persoas en xeral e sobre autónomos, comercio local e empresas
en particular.
Represas
explicou que a prioridade agora é o frente sanitario “e niso estamos volcados
no ámbito das competencias municipais. Pero non imos descoidar o impacto
económico e por iso adoptamos xa diferentes medidas fiscais que se unen ás
acordadas polo ORAL da Deputación”. O alcalde explica que o organismo
provincial, como entidade xestora do cobro dunha parte das taxas e impostos
municipais, xa prorrogou o pago dos recibos cuxo prazo de ingreso voluntario
estaba aberto e remataba en abril, de maneira que se prolonga até dez días
despois de que remate o estado de alarma. En canto ao resto de taxas e impostos
que aínda non tiñan aberto o prazo para o pagamento, o ORAL decidíu suspender
ese calendario e anunciou que se aprobará un novo nos dez días posteriores á finalización
do estado de alarma con novos prazos. Esta suspensión afecta entre outras á
taxa do lixo, imposto sobre vehículos, a venda ambulante ou aos postos do
Mercado Municipal.
A
esa suspensión únese a que agora acorda o Concello respecto ás taxas e impostos
que recada directamente a administración municipal por ocupacións como as
terrazas ou por servizos como a Escola Infantil, a Escola de Música ou o
Conservatorio Municipal, aínda que boa parte do alumnado continua recibindo
formación por medios telemáticos.
Ademais,
os técnicos municipais co asesoramento do ORAL están a analizar a posibilidade
de establecer e aplicar bonificacións en determinadas taxas e impostos sempre
que a lexislación o permita, e atendendo ás circunstancias concretas que afectan
ás persoas ou a actividades económicas.
Por
último o alcalde anunciou a elaboración dun plan municipal de reactivación
económica, dentro das competencias municipais, dirixido a dinamizar o comercio
e o sector servizos local e incrementar o investimento para favorecer a
creación de emprego. Represas sinalou que “se fará coa participación de todos
os sectores e terá como obxectivo a reactivación económica da localidade unha
vez se supere esta crise”.
Por
outra banda, o Concello difundíu nos pasado días unha mensaxe audiovisual do
Alcalde dirixida ao conxunto da poboación e distribuida a través da páxina web
do concello, redes sociais e mensaxería electrónica, na que Represas informa
das medidas adoptadas polo Concello en materia de limpeza e desinfección, a
organización da atención cidadá nos servizos municipais e as medidas en materia
de seguridade cidadán para asegurar o cumprimento das normas derivadas do
estado de alarma.
Represas
agradeceu o esforzo do conxunto do persoal municipal e especialmente a aqueles
que como policía local, bombeiros, protección civil, persoal do centro de
maiores ou de asistencia no fogar e de servizos sociais, así como o persoal de
limpeza de edificios públicos, continua prestando o seu traballo nunha
situación tan grave. Fixo extensivo tamén o seu agradecemento ao preto de cen
voluntarios e voluntarias que se sumaron á iniciativa posta en marcha polo
Concello para atender a persoas en situación de vulnerabilidade. Represas
explicou ademais que o Concello segue aprobando e concedendo as axudas de
emerxencia para persoas con especiais necesidades. Por último Xosé Represas
fixo un chamamento a cumprir e atender as instrucións das autoridades
sanitarias.