Logo de máis de tres meses de actividade suspendida ou limitada, o Concello de Ponteareas retoma este sábado, ao completo, os mercados e feiras. Así o anunciaron os concelleiros de Promoción Económica e Mobilidade e Tráfico, os nacionalistas Eva Gil e Roberto Mera. Os dous edís encargáronse nas últimas semanas, cos servizos técnicos do Concello, de avaliar a recolocación de máis de medio cento de postos en novas rúas para cumprir coas esixencias de distanciamento social e seguridade sanitaria.
A partires deste sábado a venda ambulante amplíase, mentres dure a crise sanitaria, ás rúas A Estrada, Fernández Vega e Concha Brey. Os cambios foron comunicados aos ambulantes afectados e foron aceptados pola inmensa maioría deles, segundo indican Gil e Mera.
Desde o mes de maio, as feiras e mercados limitáronse aos produtos de alimentación e venda de plantas, aproximadamente uns 20 postos. A partires deste sábado volta ás rúas de Ponteareas a venda de produtos como o téxtil ou o calzado polo que a feira e os mercados contará xa cos máis de 130 postos autorizados.
Eva Gil sinala que retomar a actividade das feiras e mercados é importante para a recuperación económica do comercio local. Pola súa banda, o concelleiro de mobilidade e tráfico salientou que “co redeseño realizado da feira e os mercados, garantimos a separación lateral entre postos de 1,5 metros e un espazo frontal diante de cada posto de 6 metros para que as persoas podan camiñar con espazo dabondo e seguridade”.
As novas rúas que se verán atinxidas polas feiras e mercados e verán restrinxido o tráfico e os accesos rodados serán Concha Brey, Virxe dos Remedios, un tramo de Reveriano Soutullo, A Estrada e un tramo de Doutor Fernández Vega. O Concello facilitou información a residentes e comerciantes e instalará a correspondente sinalización. Mera e Gil fixeron un chamamento á comprensión cidadá diante dos cambios porque “nestes intres tan complicados é fundamental a solidariedade para que todas as persoas e sectores afectados por esta crise poidan sair adiante”.