O Concello de Ponteareas ten preparado un intenso programa para celebrar as Festas de Setembro enchendo de cultura, deporte e lecer a vila durante todo o mes. Máis de 40 propostas pensadas para todos os públicos e todos os gustos que percorrerán diferentes recunchos da vila no mes que concentra dúas das festividades locais máis importantes do ano: a festa dos Remedios, con actividades do 8 ao 11 de setembro, e San Miguel, do 29 deste mes ao 2 de outubro.
Trátase dunha extensa programación deseñada pola Concellaría de Eventos “para que todos os veciños e veciñas gocen dun mes de setembro ao grande. Queremos pechar o verán co mesmo dinamismo nas nosas rúas que tivemos durante estes últimos meses, cunha oferta na que calquera grupo de idade poderá atopar actividades que experimentar, desfrutar e compartir”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.
A programación arrancará coa celebración das festas patronais dos Remedios o xoves 8, no que haberá un desfile de xigantes e cabezudos como previa ás actuacións musicais da xornada: o concerto da Banda de Música A Unión de Guláns na Praza Fernández Vega e a verbena coa Orquestra Miramar na Praza Maior.
Animación de rúa e dobre sesión musical amenizarán o venres 9, co concerto de Santi Araújo e a orquestra La Favorita. O sábado 10 terá lugar a XIV Feira Tradicional dos Remedios, que regresa tras a pandemia, e o XXXV Festival Folclórico do Condado. A xornada, que conta coa programación propia da Feira, estará chea de música do país e rematará coa actuación da Orquestra Cocktail. O domingo comezará co Trofeo Ciclista Festas de Setembro – GP Borja Gómez Méndez e o tobogán acuático na rúa Braña, para pechar con actuacións para público familiar na Praza de Bugallal e a Orquestra Pontevedra na Praza Maior.
A seguinte fin de semana o protagonista será o LV Concurso de Gaitas do País o sábado 17, que clausurará cun concerto de Xisco Feijoo. Ademais, terá lugar unha nova xornada de natación na Praia Fluvial da Freixa, que acollerá a etapa final do Circuíto Galego de Augas Abertas e a continuación unha xornada festiva. A Volta Ciclista a Galicia, o domingo 18, será un dos eventos deportivos máis importantes do programa, convertendo Ponteareas unha vez máis nun dos espazos de referencia para este deporte coa saída e chegada da etapa final na contorna da Praza de Bugallal.
Do 28 de setembro ao 2 de outubro os espectáculos para a infancia e a animación de rúa, as visitas teatralizadas no Castro de Troña, o deporte e o tradicional lanzamento de globos na Praza de Bugallal integrarán a programación de San Miguel .
No ámbito musical, a orquestra Os Satélites será a encargada de subir o pano o mércores 28. O xoves 29, festivo local, Ponteareas contará co concerto da Banda de Música Xuvenil de Xinzo e acollerá a El Combo Dominicano na Praza Maior. O venres 30 a verbena correrá a cargo da Orquestra Charleston Big Band, que actuará na Praza Maior tras o concerto de Dakidarría no Parque da Feira Vella. A verbena rematará o sábado 1, coas orquestras Garibaldi e Los Players, e o domingo 2 o grupo Monoulious DOP será o encargado de pór o broche de ouro ás Festas de Setembro en Ponteareas.