O Consello da Xunta autorizou hoxe un convenio de colaboración co Concello de Mos, que permitirá completar a rehabilitación da antiga Casa Reitoral de Petelos, un dos edificios máis salientables deste concello e un dos máis de 700 bens de interese cultural galegos. Ao abeiro desta colaboración, o Goberno autonómico achegará 300.000 euros, o 100% do investimento, para as novas actuacións previstas polo Concello de Mos para esta edificación onde se acometera unha rehabilitación parcial dotándoa de novos usos.
As actuacións previstas enmárcanse no traballo do Goberno galego por velar pola conservación e rehabilitación do Patrimonio galego, para o que a Xunta incrementa este ano un 23%o seu orzamento.
Así, xa finalizadas as obras na torre medieval e a edificación anexa, vaise seguir agora coa posta en funcionamento de dúas naves situadas ao este e ao oeste, nos extremos das zonas onde xa se actuou e darase continuidade ao programa de necesidades que se pretende para o conxunto, sumando aproximadamente 225 m2. Esta intervención incluiría a solución da cuberta, que implicará o desmonte de parte da xa rehabilitada e crear un novo encontro coa nave e a ala a rehabilitar. Entre outras accións, consolidaranse e completaranse os muros existentes, creación da estrutura intermedia así como a da cuberta, e remate total da envolvente.
Deste xeito, a Xunta dota de novos usos este edificio emblemático. O proxecto de rehabilitación da Antiga Casa Reitoral de Petelos foi froito dun convenio entre a Diocese de Tui-Vigo, propietaria do edificio e dos terreos circundantes e o Concello de Mos, para dotarse de novos usos. En base a ese convenio leváronse a cabo as obras de rehabilitación parcial do conxunto das edificacións, obras realizadas en dúas fases, pero faltaba a rehabilitación total, que se conseguirá con estas novas actuacións.
DO SÉCULO XV
A antiga Casa Reitoral de Petelos é un dos edificios de máis valía patrimonial do concello de Mos. Datada do século XV e de estilo gótico, é un ben cultural catalogado polo Plan Xeral de Ordenación Municipal. Por conservar restos dunha antiga torre fortificada, é un ben propio da arquitectura defensiva coa consideración de BIC.
De planta rectangular, o edificio principal amosa adosada unha torre de tres alturas. Tamén presenta un balcón voado no andar máis elevado e orientado ao sur. A fachada do edificio está enmarcada entre pilastras de orde dórica que ocupan os ángulos da edificación.