Logo da implicación acadada dende os centros de ensino, entidades formativas e institucións públicas, o Concello de Mos, a través da concellería de Educación e Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego desenvolve a I Mostra de Educación e Formación Formamos, durante as xornadas de hoxe e mañá, no Pavillón Municipal Óscar Pereiro e nun espazo anexo exterior.
Trátase dun escaparate formativo que permite asistir a demostracións en vivo, encontros con profesionais ou recabar información especializada do sector.
O director xeral de Centros, Jesús Álvarez Bértolo, que visitou a mostra este mediodía, definiuna como unha oportunidade para coñecer a ampla oferta educativa galega. O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade percorreu os expositores desta feira, que se desenvolve ata mañá xoves acompañado pola alcaldesa, Nidia Arévalo, a concelleira de Educación, Julia Loureiro, e o director do Colexio Lar, coorganizador do evento, Rodrigo Salgado Pombo.
Álvarez Bértolo puxo en valor a amplitude de posibilidades que ofrecen os centros de ensino dependentes da Xunta de Galicia, desde a etapa de Infantil ata a Formación Profesional, pasando polas ensinanzas de réxime especial (Escolas Oficiais de Idiomas, ensinanzas artísticas...). Así mesmo, destacou a oportunidade que citas como esta mostra representan para que o alumnado, as familias e o conxunto da comunidade educativa coñezan estas propostas académicas.
A través de máis de 40 expositores, os visitantes poden informarse sobre a oferta de centros de FP ou universidades, así como da actividade de diferentes formacións xuvenís. Ademais dos stands ou casetas, no marco da mostra realízanse demostracións prácticas das ensinanzas FP, amósase un simulador de incendios da empresa Seganosa ou equipamento de robótica da empresa Unimate.
Tras a visita institucional á mostra a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou “a gratitude aos representantes dos mais de 40 expositores chegados desde Galicia, Navarra e Madrid pola súa participación”. Entre eles atópanse as Forzas Armadas, Garda Civil e Policía Local, AEMOS, Universidades de Vigo e da Coruña, etc. E a rexedora local mosense puxo en valor sobre todo “a importancia desta mostra que é de gran interese tanto para mozos/as, familias e centros educativos e unha inmellorable oportunidade para coñecer de primeira man as posibilidades educativas existentes en función das necesidades, intereses, obxectivos e perfil do usuario/a. Esta mostra coincide co comezo do periodo de matriculación do alumnado de Bacherelato en: Universidades, Ciclos Formativos, Academias ou Corpos de Seguridade, etc. Polo que con ela preténdese dar respostas ás inquedanzas: do estudantado e das súas familias, así como a toda a veciñanza interesada na procura de saídas profesionais con futuro laboral. Abrangue todo o abano de possibilidades, desde formación universitaria a ciclos, estudos musicais, escola de pilotos, azafatas…etc. É importante visibilizar a necesidade tamén da Formación Profesional e que a mocidade non crea que a clave do éxito está somentes na Universidade. A profesionalización en todos os sectores é clave para a economía e para a sociedade”, concluiu a alcaldesa.
O percorrido polos expositores rematou cunha demostración do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Torroso, concretamente do grupo Argonat Band.
Os 42 expositores da feira ofrecen múltiples posibilidades educativas en Galicia, Navarra e Madrid.
A concelleira de Educación Julia Loureiro Campo, explica que, “a idea de poñer en marcha esta mostra naceu xa antes da pandemia na procura de saídas profesionais con futuro laboral na contorna próxima e para dar visibilidade ás entidades formativas con presenza no ámbito local, provincial, autonómico e nacional. Un soño que por fin hoxe se fixo realidade”, declarou.