viernes. 22.11.2024

O Concello de Tui, a través da iniciativa de apoio ao comercio local Quero Tui, está a elaborar un directorio con todos os establecementos hostaleiros e de restauración do municipio  que ofertan o servizo de comida para levar ou de recollida no local.  O obxectivo é aglutinar nun único espazo a ampla oferta gastronómica que ofrece a hostalería e restauración tudense e ao tempo apoiar a este sector nestes duros momentos, segundo explica a concelleira de Comercio, Ana Núñez.

Esta nova guía estará a disposición dos consumidores tanto en formato dixital a través da web municipal tui.gal coma nas redes sociais municipais, coma en formato físico cunha guía en papel que se distribuirá a través do comercio local.

Os establecementos que desexen figurar na guía co servizo que ofrecen deberán cumprimentar á maior brevidade posible o formulario accesible en tui.gal. A Guía dixital irase actualizando diariamente, pero para a edición impresa é preciso contar con todos os datos este xoves para poder proceder a súa pública e distribución no menor prazo de tempo posible.

Amais da Guía de servizos a través da plataforma do comercio local ÉTui ofrécese aos establecementos de restauración o servizo de loxística para o reparto dos pedidos. Precisamente ÉTui contará cun espazo específico para este servizo de entrega de comida onde os consumidores poderán realizar o seu pedido e recibir os produtos seleccionados sen saír do seu domicilio.

Guía tudense da hostalería e a restauración