lunes. 16.09.2024

O próximo 31 de agosto de 2024, das 10:00 ás 12:00 horas, terá lugar unha andaina xeoaqueolóxica única pola mina galaico-romana de Fillaboa (Salvaterra). Trátase dunha camiñada circular de 2 km de extensión, cunha altitude que varía entre 10 e 25 metros sobre o nivel do mar e que presenta unha dificultade baixa, polo que é accesible para persoas de todas as idades.

Baixo a guía do xeólogo Óscar Pazos, esta andaina procurará explorar o patrimonio histórico e natural do lugar de Fillaboa, cunha inmersión en dous momentos decisivos da historia da Gallaecia-Galiza e Portugal. O percorrido inclúe unha exploración dos relevos da antiga mina de ouro en secundario de Fillaboa, datada nos séculos I-II, onde se discutirán as técnicas e os procesos empregados nos traballos de minería na época galaico-romana. Ademais, os participantes poderán descubrir restos esquecidos da Guerra da Restauración de Portugal, do século XVII, nun paseo que combina historia e natureza.

O punto de encontro será na área de servizo de autocaravanas do Parque da Canuda. O custo da participación é de 8 euros por persoa, e gratuíto para menores acompañados. Está organizada como un acto de solidariedade co xornal Novas da Galiza, proxecto comunicativo militante con máis de 20 anos de historia, actualmente en proceso de recadación de fondos para unha nova etapa.

Fillaboa revela os seus segredos: Andaina xeoaqueolóxica para explorar a mina...
Comentarios