O Concello do Porriño homenaxeou onte á porriñesa Emma Rodríguez Pretel polo Premio extraordinario á excelencia académica que lle concedeu a Universidade de Vigo ao ter o mellor expediente académico do Grao en Enfermería da promoción do 2022.
A universidade fixo entrega o pasado venres destas distincións que premian o esforzo dos mellores estudantes en cada unha das titulacións, e unha delas foi Emma, veciña de Atios de 22 anos, que onte foi recibida no seu concello polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González.
"Sumámonos a este recoñecemento ao mérito e tesón de Emma", afirmou o alcalde, "Sei que falo no meu nome e no de todos os porriñeses e porriñesas cando lle digo que nos sentimos profundamente orgullosos do seus logros".
Tal e como trasmitiu Lorenzo, estes premios "poñen en valor o esforzo dos mozos e mozas que, como Emma, liderarán o desenvolvemento da nosa sociedade nas próximas décadas. Apostar por eles é apostar polo futuro e o talento dos porriñeses". Por iso agradeceu a Emma o seu exemplo e animouna a "seguir traballando por conseguir todas as metas que te propoñas, sabendo que se poden alcanzar".
Emma rematou Enfermería o pasado curso, pero esta non é a única distinción que recibiu durante a súa traxectoria académica. Xa no IES Pino Manso, onde cursou os seus estudos da ESO e Bacharelato, foi premiada como a mellor da súa promoción, galardón que volver conseguir no primeiro ano de carreira.
Tal e como explicou aos representantes municipais, a súa vocación pola enfermería chegou xa cando se atopaba en segundo curso. "Sempre tiven claro que quería estudar algo da rama sanitaria", apuntou Emma, "Quería ser matrona e por iso me matriculei finalmente en enfermería, pero descubrín que me gusta esta profesión e diferentes ramas da mesma, que esta era a miña vocación aínda que non o soupera antes".
Desde que se graduou, a porriñesa leva traballando todo o tempo pero ten claro que seguirá estudando. "Na miña profesión e supoño que en todas, é esencial continuar formándose", concluíu, "No meu caso, preparareime para ser matrona".