miércoles. 27.11.2024

A tecnoloxía converterá as rúas ponteareás nun escenario no que vivir a arte efémera de xeito sinxelo e inmersivo en calquera momento. “É unha aposta por seguir valorizando o noso patrimonio cultural como elemento de interese a disposición das persoas que nos visitan, pero tamén dos nosos veciños e veciñas, catalogando o legado dos nosos antepasados”, salientou a alcaldesa Cristina Fernández Davila durante o acto de arranque da edición 2021 do Corpus, “unha celebración comedida, adaptándonos con resiliencia ao que agardamos que sexa a fin desta terrible pandemia”.

Con esta iniciativa pioneira liderada polo Concello de Ponteareas visitantes e veciñanza poderán desfrutar dunha experiencia de realidade aumentada empregando calquera dispositivo móbil e seguindo os códigos QR repartidos ao longo de todo o percorrido do Corpus. “Queremos que esta festa non quede nunha arte efémera que só se pode gozar por escasas horas, senón que perdure no tempo. Con este proxecto poñemos valorizamos a cultura e o noso legado e ofrecemos a posibilidade ás persoas visitantes de vivir unha nova experiencia para novos tempos”, explicou a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil.

Unha forma de facer turismo na que o visitante é o centro da experiencia “que suporá un antes e un despois para a propia festa”. “O Corpus vívese nas rúas e non podiamos crear un museo que metera este arte floral entre catro paredes”, recordou a edil. Neste museo poderá desfrutarse dos deseños de alfombras, de vídeos, entrevistas, imaxes en 360º da rúa… Un contido atractivo, orixinal e dinámico que dará protagonismo á veciñanza, acollerá contidos de gran valor social, perpetuará esta arte efémera no tempo e, á súa vez, potenciará a revitalización do comercio.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recalcou a “potencialidade” deste museo como ferramenta de difusión “dunha das festas máis importantes de Galicia, non só por ser de Interese Turístico Internacional, senón tamén pola arte creada grazas ao traballo desinteresado dos veciños e veciñas”.

PREGÓN

O acto inaugural deste Corpus 2021 tamén acolleu a presentación dun novo número da revista Pregón, que chega “cargado de ilusión, historia e flores cunha temática consolidada e nun formato máis cómodo de manexar”, como destacou o concelleiro de Cultura, Fernando Groba. Unha revista que comezou no ano 1947 como un folleto en branco e negro que foi evolucionando co tempo ata chegar a converterse “en algo identificativo do Corpus que está medito no ADN dos veciños e veciñas. Pregón é un fondo histórico e documental importante referido á vida en Ponteareas e unha revista que nos une a todos e todas”, asegurou Gonzálo Fernández, coordinador da revista.

Esta edición conta coa versión orixinal e íntegra do pregoeiro do ano 2020, o poeta Alfonso Pexegueiro, e con artigos que achegan un enfoque histórico da festa, con temas como a suspensión da procesión en 1958 por choiva, as primeiras alfombras da democracia ou o silencio das rúas que marcou a edición do ano 2020 a causa da pandemia. Ademais, tamén recupera a sección literaria e recolle as imaxes do premio fotográfico.

RECOÑECEMENTO

No acto inaugural deste Corpus 2021, no que non faltaron mencións e recoñecementos ao recentemente falecido Xosé Represas, tamén participaron José Luis Romero, representante de ABANCA; Javier Davila, membro da empresa que está a desenvolver o museo a ceo aberto; alumnado do Conservatorio Municipal de Ponteareas, que interpretou dúas pezas musicais durante a presentación; e membros da corporación municipal, así como participantes na revista Pregón.

Como peche final, a alcaldesa quixo “recoñecer o labor das nosas e nosos alfombristas, persoas que fan posible esta celebración e esta tradición que foi quen de dar a coñecer a Ponteareas por todo o mundo. Estou segura de que volverán os tempos nos que poderemos gozar desta celebración en todo o seu esplendor. E por suposto aos veciños e veciñas de Ponteareas que viven con ilusión e paixón a nosa máis distinguida celebración”.

Corpus virtual e presencial