Ponteareas recupera a normalidade na súa celebración do Corpus Christi. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila; a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil; e o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, presentaron este xoves o cartel que será a imaxe dunha nova edición desta festa tradicional, que tras dous anos de pandemia volverá celebrarse coa súa programación e o seu devir habitual. “Estamos a un mes de poder vivir o Corpus Christi en todo o seu esplendor de novo, de recuperar a normalidade e gozar desta arte efémera que tanto caracteriza á vila e cativa á veciñanza e a visitantes”, salienta a rexedora.
O cartel anunciador foi deseñado pola moza ponteareá Iria Alonso, graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e con mestrado en Dirección de arte en publicidade que recolle na súa creación a esencia das alfombras florais e “homenaxea ás mulleres que vexo dende pequena sempre nos portais durante as semanas previas ao Corpus. Paréceme un labor bonito e estou convencida de que sen elas son existiría a festa. É ademais unha homenaxe a todas as mulleres traballadoras”.
Co deseño de Alonso, o Concello volve apostar por creadores ponteareáns para o cartel do Corpus Christi, Festa de Interese Turístico Internacional, o que “é sen dúbida un grande escaparate para todo o talento, a creatividade, a orixinalidade e a calidade que temos a sorte de ter na nosa vila”, explica a alcaldesa. “Queremos involucralos e achegalos de forma directa a unha tradición moi arraigada en Ponteareas e que perdurará durante moitos anos máis da man das novas xeracións”, asegura.