A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, informaron de que hoxe aprobouse en Xunta de Goberno Local o inicio do expediente de contratación da obra do Carril Bici Alto de Barreiro-Santiaguiño. Obra que conta con financiación, a través dunha subvención, mediante convenio, da Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia, de máis de 750.000 euros.
Un dos principais proxectos do Plan Mos Humanizado, co que o Concello actuará en 11 quilómetros das 10 parroquias mosenses, é o carril bici desde a rotonda do Alto de Barreiro ata o Santiaguiño en Guizán.
Este proxecto forma parte do Plan Mos Humanizado do Concello de Mos. Neste caso a administración local mosense conta con axuda autonómica (a través de convenio de colaboración entre Concello e Turismo de Galicia), para un dos proxectos máis importantes deste plan municipal que se iniciou na pasada lexislatura.
En total humanizaranse nesta recta final de lexislatura preto de 11 quilómetros nas 10 parroquias mosenses: Dornelas, Torroso, Pereiras, Mos, Guizán, Cela, Louredo, Tameiga, Petelos e Sanguiñeda.
O carril bici desde a rotonda de Alto de Barreiro (en estrada Puxeiros-Mos) ata a Capela de Santiaguiño (Estrada Peinador-Os Valos) trátase dun carril de 3,5 km de desenvolvemento pola marxe esquerda. A actuación pretende mellorar as circulacións deste vial, incluíndo proteccións para as zonas de cruzamento de peregrinos, así como a posta en valor dos elementos patrimoniais como o Cruceiro dos Cabaleiros.
Deste xeito a Xunta colabora co Concello de Mos no impulso do cicloturismo e a seguridade viaria peonil no Camiño. O obxectivo do convenio de colaboración asinado con Turismo de Galicia é mellorar a seguridade viaria e a convivencia entre peóns, vehículos e ciclistas, especialmente no tramo en que o trazado coincide co Camiño de Santiago.
A actuación mellorará un tramo de 3,5 quilómetros de lonxitude e suporá un investimento de máis dun millón de euros distribuídos en dúas anualidades co obxectivo de seguir avanzando na mellora da mobilidade e nun Camiño máis seguro.
A execución da senda cicloturista está encamiñada á mellora da convivencia entre peóns, vehículos e peregrinos entre o alto de Barreiro e a Capela de Santiaguiño, onde a estrada conflúe co Camiño Portugués.
A intervención suporá actuacións nun trazado que se estende ao longo de 3,5 quilómetros en que se fará un investimento total de algo máis dun millón de euros (1.084.413,74 euros) dos que Turismo de Galicia asumirá algo máis de 750.000 euros, distribuído en dúas anualidades de 361.471,28 euros este ano e 391.646,12 euros en 2023.
O ámbito de actuación correspóndese co trazado da estrada municipal que comunica as parroquias de Torroso e Mos co núcleo rural de Santiaguiño, na parroquia de Louredo. O obxectivo que se pretende acadar con este proxecto é que o Concello de Mos poida seguir avanzando en materia de mobilidade e de seguridade viaria, con especial atención á protección dos colectivos máis vulnerables: peóns, ciclistas e persoas con mobilidade, nun trazado en que a actuación ten que ser especialmente coidada, xa que afecta nunha parte o Camiño de Santiago.
Trátase dun trazado municipal moi transitado cun ancho reducido que non dispón ata o momento de itinerarios peonís seguros polo que a actuación estaría encamiñada a deseñar un trazado seguro onde convivan peóns e ciclistas cun ancho non inferior a 2,5 metros que permitan xerar plataformas de convivencia con vehículos, especialmente naqueles tramos onde o trazado convive co Camiño.
Precisamente neste sentido, o convenio aprobado permitirá embelecer o camiño coa disposición de zonas empedradas con lastros nos encontros do camiño coa vía e, especialmente na contorna do Cruceiro de Santiaguiño, co fin de pór en valor o patrimonio cultural e favorecer a sinalización silenciosa do itinerario de peregrinación.
Cómpre lembrar que a actuación se sitúa no Camiño Portugués, o segundo itinerario máis escollido polos peregrinos que transitan cara á Santiago. Xunto ao Portugués da Costa aglutina case a cuarta parte dos peregrinos que recollen a súa acreditación de ter feito a peregrinación.