No Pleno desta mañá fixéronse públicas as votacións do concurso para elixir a letra do Himno de Mos, autoría do gaiteiro de Louredo, Xulio Lorenzo, no que resultou gañadora a proposta 2, presentada polos músicos mosenses Antonio Barros e Beatriz Gómez, Ialma.
Na sesión plenaria de hoxe aprobouse así mesmo a letra gañadora, por maioría dos votos dos membros da Corporación Municipal, cos votos a favor do equipo de goberno local e dos concelleiros non adscritos Román González e Verónica Costas, e as abstencións de PSOE, GañaMos e BNG.
Mos xa pode, polo tanto, cantar o seu himno, con letra composta por Antonio Barros e Ialma, e que será presentada oficialmente o 13 de xuño, Día da Rosa, sendo o himno o protagonista do Pregón deste ano.
A votación constou de 3 xurados: profesional, voceiros da Corporación Municipal e público.
O xurado profesional reuniuse presencialmente o pasado 10 de maio no Pazo de Mos, agás Uxía Senlle e Javier Baquero que enviaron o seu voto por escrito ao non poder asistir, e Juan Durán, que se conectou telemáticamente por videoconferencia. A votación do xurado profesional dirimiuse do seguinte xeito: 1 voto para a canción 1, 7 votos para a canción 2, 0 votos para as cancións 3, 4, 5 e 6. O voto do xurado profesional ten un 50% do valor total das votacións.
Os voceiros da Corporación reuníronse o 18 de maio no Concello presencialmente. A súa votación foi a seguinte: 3 votos para a canción 2, 1 voto para a canción 6, 0 votos para as cancións 1, 3, 4 e 5; e 2 abstencións. O voto dos voceiros ten un 25% do valor total das votacións.
A votación do público a través da web municipal foi a seguinte: canción 1-105 votos, canción 2-259 votos, canción 3-298 votos, canción 4-30 votos, canción 5-32 votos, canción 6-159 votos. O voto do público ten un 25% do valor total das votacións.
Desde o Concello de Mos quérese agradecer encarecidamente a súa participación e implicación aos autores das 6 propostas presentadas a concurso: proposta 1 Roi García Lorenzo, 2 Antonio Barros Serodio e Ialma, Beatriz Gómez Fandiño, 3 Rubén Campo Gil, 4 Gonzalo Otero Lago, 5 José Rodríguez Conde e 6 Albino Rodríguez Cambeiro. Así como recoñecer o mérito e o gran traballo das súas creacións, polas que tamén serán homenaxeados o Día da Rosa.
Letra gañadora: canción 2, de A. Barros e Ialma
Se fas o teu camiño atoparás,
onde a terra fai o berce do solpor,
dez estrelas que lucen por igual
coroadas dun verde natural
que arrecende a historia e tradición,
O Camiño da Rosa é de Mos.
O Louro nutre con paixon
as raices dunha terra singular
que xa foi nacente no albor
da historia da nación de Breogán.
A lembranza non coñece o fin
Nesta terra que ata o mar atravesou
Pois a xente que naceu aquí
Ten a Mos grabado no seu corazón.
Se a ialma enchedes de nobleza
amizade, forza e unión
Hai un futuro de grandeza
E o Camiño da Rosa está en vos.
Se camiñas rexo e con firmeza
Compartindo agarimo e ilusión
A túa bandeira é a afouteza
E o teu orgullo é ter nacido en Mos.
A túa bandeira é a afouteza
E o teu orgullo é ter nacido en Mos.