Os concellos de Bueu, Cangas e Moaña recibirán este ano 3,8 millóns de euros para investimentos a través do +Provincia da Deputación de Pontevedra, o plan de obras e servizos de competencia municipal, que lles asigna 3,2 millóns de euros, e do II Plan de Infraestruturas Deportivas, con preto de 600.000 euros. O presidente da Deputación, Luis López, informou por carta aos alcaldes e alcaldesas da zona sobre a asignación dos recursos de ambos os plans, así como do Plan Extra.
“Queremos seguir avanzando conxuntamente nun modelo de cooperación e lealdade institucional que permita desenvolver as múltiples potencialidades da provincia”, asegurou o presidente provincial, lembrando que “se 2024 foi o ano no que puxemos as bases do proxecto municipalista, en 2025 imos bater récords de apoio aos pequenos e medianos concellos cando máis se precisa”.
O +Provincia 2025, para o que se poden presentar proxectos ata o 2 de abril, conta cunha dotación total de 48,2 millóns de euros para os 59 municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia. Elaborado conforme aos principios de reforzo da capacidade inversora, maior autonomía local e atención aos retos comúns de futuro, distribúe o crédito segundo criterios obxectivos e, por segundo ano consecutivo, introduce o reto demográfico como parámetro para a repartición, co obxectivo de minorar a fenda de poboación que afecta principalmente aos municipios rurais. Como novidade, este ano admítese a posibilidade de financiar investimentos plurianuais.
A cifra histórica de 48,2 millóns de euros distribúese entre os 59 concellos a través de catro liñas: 33,74 millóns para investimentos, 4 millóns para gasto corrente, 9,25 millóns para a activación do emprego e 1,2 millóns para proxectos transformadores relacionados coa mobilidade.
No caso da comarca do Morrazo, os 3.236.352 euros que recibirán Bueu, Cangas e Moaña permitirán destinar ata 2,26 millóns de euros a novos investimentos, 268.617 euros a gasto corrente, 621.379 euros a fomentar o emprego e 80.908 euros a proxectos transformadores relacionados coa mobilidade. Para facilitar a xestión, o Plan +Provincia permite flexibilizar o traspaso de crédito entre liñas.
Tendo isto en conta, no Morrazo, o Plan +Provincia 2025 destinará 933.865 euros a Bueu, 837.071 euros a Cangas e 1.106.669 euros a Moaña.
II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ascende nesta edición a 8 millóns de euros, o dobre que na pasada, aos que poden optar todos os concellos da provincia agás Pontevedra e Vigo. As bases do plan establecen unha distribución dos recursos nunha parte fixa (4,42 millóns de euros) e outra variable en función da poboación (3,57 millóns de euros). Deste xeito, Bueu poderá beneficiarse de ata 150.030 €, Cangas de 243.111 € e Moaña de 196.556 €. Con estes fondos poderán construír, modernizar, remodelar ou mellorar instalacións deportivas, dotar de equipamentos ou material deportivo e adquirir terreos destinados a uso deportivo.
Luis López lembrou que este plan “fala da nosa aposta estratéxica polo deporte, polas súas instalacións e polo fomento de hábitos de vida saudable, reafirma o noso compromiso para mellorar e renovar as infraestruturas deportivas da provincia e deixa claro o carácter municipalista deste goberno, que dota de recursos aos concellos”. Os concellos teñen ata o 22 de xaneiro para presentar proxectos e recibir financiamento ao abeiro do plan.
As bases do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas contemplan que as actuacións deportivas deberán ser superiores aos 20.000 euros ou, no caso da compra de material, un mínimo de 6.000 euros. Ademais, os investimentos deberán estar executados na súa totalidade o 30 de abril de 2025 e as axudas son compatibles con outras subvencións.