Mañá mércores, 13 de xaneiro, abre o prazo de inscrición para que os establecementos interesados se adhiran aos bonos “Activa Tui”. Hoxe veñen publicadas no BOPPO as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión destas axudas á reactivación económica, que foron aprobadas por unanimidade o pasado mes de decembro en pleno. O Concello de Tui destina a esta iniciativa 50 mil euros.
Os bonos intégranse dentro do Plan de Reactivación económica do concello de Tui e están concibidos como unha medida extraordinaria para axudar o tecido empresarial a paliar os efectos económicos negativos derivados da pandemia da COVID-19 nas microempresas e persoas traballadoras autónomas do termo municipal.
O principal obxectivo de Activa Tui é apoiar aos sectores de servizos, comercio, hostalería e restauración do municipio de Tui, tratando de impulsar o consumo de proximidade a través da posta en funcionamento dos bonos “ACTIVA TUI” para investir nos establecementos comerciais.
Os establecementos interesados deben cubrir o formulario habilitado en tui.gal a partir de mañá, 13 de xaneiro. Antes do 1 de febreiro publicarase a listaxe con todos os establecementos participantes.
Dende o 1 de febreiro as persoas, maiores de 16 anos, poderán obter un máximo de dous bonos de compra por valor de 10 €, que poderán canxear en compras iguais ou superiores a 25 euros nos establecementos adheridos á campaña até o 30 de marzo. Estas datas poden sufrir variacións en funcións das medidas restritivas e da situación epidemiolóxica no municipio.