Baiona e a súa historia serán o punto de partida dunha aventura única, ‘Eureka Reto Rural’, un programa de EuRural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño a través do que se realizarán 14 xogos de escapismo temáticos e ao aire libre nos concellos do territorio. Unha inmersión fascinante na riqueza cultural e histórica de cada un dos municipios aberto a todos os públicos e totalmente de balde coa que coñecer os segredos e explorar os máis variados recunchos dos 14 concellos.
‘Eureka Reto Rural’ comezará a súa travesía este domingo 12 de maio en Baiona, onde as persoas participantes poderán mergullarse na emocionante historia da arribada da Carabela Pinta. A través dun percorrido polas rúas do seu porto e polo centro histórico, as e os xogadores serán transportados ao 1 de marzo de 1493, data na que a vila se converteu no primeiro porto da Europa continental en coñecer a noticia do descubrimento de América. Prazas, monumentos e puntos emblemáticos do concello servirán como escenario para descubrir a repercusión deste feito histórico.
As persoas que desexen participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro no Paseo da Ribeira ás 11.30 horas. As probas e xogos realizaranse nunha ruta circular con dificultade moderada segundo a distancia a camiñar e accesible para persoas con mobilidade reducida. Todas e todos os menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. Ademais de poder realizarse o día de estreo, este escape room permanecerá aberto e accesible para o público durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño para que calquera persoa poida desfrutar da experiencia.
Para a presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural, Sandra González, este proxecto representa unha oportunidade única para promover o turismo rural e poñer en valor os recursos naturais, culturais, históricos e patrimoniais do territorio. “Eureka Reto Rural é unha iniciativa innovadora que permite a todas e todos os participantes descubrir a riqueza e diversidade dos nosos concellos de forma divertida e educativa. Por iso animamos a todo o mundo a participar nesta aventura e compartir os segredos e historias que agardan en cada unha das probas”, resaltou.
O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, sinalou que esta iniciativa “representa unha proposta innovadora e única para descubrir o noso municipio dun xeito totalmente novo: a través do xogo”. “Eureka Reto Rural non só é unha oportunidade para divertirse, senón que tamén é unha ferramenta poderosa para involucrar a mocidade e familias na exploración da nosa rica herdanza cultural e histórica. Ao ofrecer unha experiencia lúdica e emocionante, estamos abrindo portas para que a nosa comunidade descubra e aprecie os tesouros que nos rodean”, explicou o rexedor.
“O feito de que Baiona fora elixida como a primeira sede deste desafío é un motivo de grande orgullo para nós. Demostra non só a beleza e o atractivo do noso municipio, senón tamén o noso compromiso coa innovación e o desenvolvemento turístico”, continuou Vázquez Almuíña. O alcalde anima “a toda a veciñanza e visitantes a participar en ‘Eureka Reto Rural’. É unha oportunidade única para coñecer a nosa vila e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño na súa totalidade dende outra perspectiva. Estou seguro de que esta experiencia non só será divertida, senón tamén enriquecedora par toda a contorna”.
‘Eureka Reto Rural’ comezará a súa viaxe en Baiona, marcando o inicio dunha aventura que explorará os 14 concellos integrados no Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Todos os xogos virtuais estarán deseñados para todas as idades e contarán cun premio para o grupo de persoas que complete a proba en menor tempo. Nesta ocasión o agasallo será unha experiencia enogastronómica no Concello de Soutomaior para seis persoas, con visita a un viñedo ancestral con bodega e museo, cata e comida comporta por catro pratos de produtos da ría e razas autóctonas e maridaxe de tres viños na Adega Quinta das Eiras. Ademais, entre todas as persoas participantes o Concello de Baiona sorteará un lote de produtos do territorio.