jueves. 21.11.2024

‘Aula Mentor’, unha ferramenta para unha maior empregabilidade dos ponteareáns

A ‘Aula Mentor’ ofrece un gran número de cursos relacionados con temáticas como administración e xestión, formación agraria, artes gráficas, comercio e márketing, electricidade e electrónica, hostalaría e turismo, imaxe persoal, imaxe e son, industrias alimentarias, informática e comunicacións, instalacións e mantemento, sanidade, seguridade e medio ambiente, servizos socioculturais, téxtil e confección, vidro e cerámica ou competencias en idiomas.

O Concello continúa dando prioridade á formación como ferramenta para unha maior empregabilidade da súa veciñanza. Por este motivo, Ponteareas vén de asinar un convenio de colaboración para sumarse á ‘Aula Mentor’,  un programa de formación en liña dirixido a persoas adultas, non regulada, flexíbel e con titorización personalizada dependente do Ministerio de Educación e Formación Profesional.

“Con esta iniciativa damos un novo paso para mellorar a cualificación profesional dos nosos veciños e veciñas para aumentar as súas posibilidades de inserción laboral achegándolles unha oferta formativa e cultural ampla”, sinala a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Soage.

A ‘Aula Mentor’ ofrece un gran número de cursos relacionados con temáticas como administración e xestión, formación agraria, artes gráficas, comercio e márketing, electricidade e electrónica, hostalaría e turismo, imaxe persoal, imaxe e son, industrias alimentarias, informática e comunicacións, instalacións e mantemento, sanidade, seguridade e medio ambiente, servizos socioculturais, téxtil e confección, vidro e cerámica ou competencias en idiomas.

O Concello habilitará un espazo no Centro de Desenvolvemento Local de para o desenvolvemento destes cursos en liña, que son certificados polo Ministerio de Educación e Ciencia e as comunidades autónomas tras superar un exame presencial que garante o nivel de coñecementos adquiridos.

O prezo dos cursos será de 24 euros mensuais, sendo a matrícula inicial de dous meses, agás no caso dos que teñen unha certificación de 30 horas, cuxa matrícula inicial será dun mes. A duración dos cursos variará en función da dedicación e experiencia previa de cada alumno ou alumna, aínda que cada curso terá unha duración mínima en función do número de entregas do titor ou titora. Unha vez a ou o estudante finalice todas as actividades do curso, previa autorización da persoa titora, pode presentarse a exame para obter o certificado de aproveitamento.

‘Aula Mentor’, unha ferramenta para unha maior empregabilidade dos ponteareáns
Comentarios