Despois de dous anos de parón por mor da Covid-19, o Concello de Arbo organiza novamente este ano o Torneo de Fútbol Sala “Vila de Arbo”, un clásico no verán cultural que se organiza no municipio, un torneo moi esperado e que este ano se disputará nun só fin de semana.
O campionato de Fútbol Sala 'Vila de Arbo' que este ano cumpre a súa XXVII edición, disputarase no pavillón municipal de deportes os días 29 e 30 de xullo a partires das 21.00horas, onde un total de 15 equipos procedentes de Arbo e concellos limítrofes, farán que os afeccionados a esta modalidade gocen de 24 horas intensas de deporte.
A importancia desta cita deportiva, ten que ver tamén cos seus premios económicos xa que os primeiros clasificados obterán 2.200 euros repartidos en 1.100 euros para o primeiro clasificado, 600 euros para o segundo, 300 euros para o terceiro e 200 euros para o cuarto.