martes. 03.12.2024

O xerente de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, explicou que 'Un descanso no Camiños', que conta co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, é un dos cinco proxectos aprobados polo Clúster de Turismo de Galicia, presentado pola Asociación de Balnearios de Galicia en colaboración coa Fundación Expourense, Caldaria e Amigos da Cociña Galega. A través desta iniciativa búscase potenciar o turismo termal.

“É un produto turístico que combina os Camiños de Santiago coa oferta dos balnearios. A proposta inclúe aloxamento de dúas e tres noites, cun programa termal; unha actividade de sendeirismo ou ruta próxima aos balnearios participantes, preferentemente coincidente cun tramo do Camiño de Santiago; ademais dunha actividade de tipo cultural ou de lecer no contorno do establecemento termal (visitas guiadas, enoturismo, turismo activo de baixo impacto, experiencia gastronómica…)” -explicou-.

O xerente de Balnearios de Galicia, Benigno Amor.

Tal como indicou o xerente de Balnearios, “este proxecto non busca só o beneficio das empresas do sector termal de Galicia, senón o doutras empresas e actividades turísticas da oferta complementaria, priorizando o mercado de proximidade”.

Este proxecto foi inicialmente impulsado no ano 2010 no ámbito nacional desde a Asociación de Balnearios de Galicia, sendo novamente relanzado en 2019 con diferentes accións. Ademais da presentación neste congreso, está previsto celebrar un workshop virtual dirixido a axencias de viaxes e operadores especializados, que probablemente teña lugar a principios de outubro, co apoio de Expourense.

Os balnearios de Galicia

Forman parte da Asociación de Balnearios de Galicia 18 establecementos termais. Na provincia da Coruña atópanse o de Carballo e o de Compostela (Brión). En Lugo Augas Santas (Pantón) e Termas Romanas de Lugo. En Ourense están os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño). E en Pontevedra sitúanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e Mondariz.

'Un descanso nos Camiños'