Mañá venres, 16 de outubro, a partir das 10 h a aula da UNED, no antigo Convento de San Domingos, acollerá a segunda xornada do proxecto 'O Camiño Sostible', que forma parte do programa 'O teu Xacobeo'.
Trátase dunha actividade que ten por obxectivo dinamizar e pór en valor todos e cada un dos sectores e actores que forman parte do Camiño de Santiago. Ao tempo persegue con eles e a súa interacción, promocionar o turismo e o desenvolvemento local a través dos valores do camiño e a sustentabilidade.
A actividade pretende xerar conciencia do Camiño desde e cos principais actores da actividade económica e social galega, promocionando a industria turística e dirixíndose aos distintos sectores da sociedade.
A primeira xornada do Camiño Sostible tivo lugar o pasado día 3 en Pontecesures, mañá venres celebrarase en Tui e rematará o próximo venres 23 en Cambados.
Neste proxecto, ademais de charlas on line impartidas como píldoras formativas por expertos en Turismo e desenvolvemento local a nivel nacional, tamén haberá mesas redondas de emprendemento, onde se presentarán empresas como casos de éxito de emprendemento a través do Camiño e dos recursos locais, e tamén neste caso, unha mesa institucional na que Tui destacará o potencial turístico e histórico no Camiño , da man do concepto de Eurocidade e coa colaboración da Asociacion de Amigos do Camiño portugués, que incidirán directamente no papel importante e fundamental de Tui no Camiño e a necesidade de implicación, promoción e posta en valor do feito Xacobeo e do seu impacto transversal , económico e social do mesmo.
As prazas para a xornada que mañá terá lugar en Tui están xa cubertas pero hai unha lista de agarda na que se poden inscribir os interesados en www.ocaminosostible.com.
A actividade comezará ás 10.25 h coa presentación do proxecto “O Camiño Sostible” e a continuación terá lugar unha mesa institucional sobre “O Camiño de Santiago, impacto e alcalce”. A partir das 11 h están previstas as charlas on line “Sustentabilidade, ODS e seguridade no Camiño” e “Produto turístico no Camiño. Posta en valor dos recursos locais”. A actividade pecharase a partir das 12.15 h con dúas mesas redondas sobre “Emprendemento local: casos de éxito” e “O Camiño coma oportunidade de emprendemento”.