jueves. 21.11.2024

O Camiño Primitivo, a súa reactivación, a celebración deste Xacobeo ou a experiencia da peregrinación desde un punto de vista multidisciplinar e feminino centrou o IX Encontro Xacobeo Peregrinas, que se celebrou no Castelo de Pambre, en Palas de Rei, no marco desta iniciativa encadrada na programación do Xacobeo 21-22, na derradeira etapa deste itinerario que entronca co Camiño Francés á altura de Melide.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, e a directora de cine Paula Cons, foron as encargadas de abrir o encontro abordando o papel da muller e a súa visibilización desde o punto de vista do turismo, o Camiño de Santiago, o emprego e o papel da muller no mercado laboral, con especial atención ao eido audiovisual e cinematográfico. Tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Nava Castro aproveitou o feito de que o encontro tivera lugar en Palas de Rei para destacar a reactivación que o Camiño de Santiago está a vivir nos últimos meses, servindo de motor de recuperación ás cifras do turismo en Galicia, ao tempo que destacou a diversificación progresiva dos peregrinos a través dos diferentes itinerarios e a perspectiva de seguir medrando en peregrinos estranxeiros especialmente cara o 2022, en que “agardamos celebrar un Xacobeo pleno”.

A directora xeral de formación e colocación, Zeltia Lado, pola súa banda, lembrou que a Consellería de Emprego e Igualdade vén de presentar uns orzamentos expansivos coa vontade de que Galicia desenvolva ao máximo o seu potencial e logre un crecemento socioeconómico sen precedentes. Neste obxectivo, darase impulso ás políticas que favorezan tanto o emprendemento por mulleres, as medidas de conciliación e políticas de emprego con apios integrais para o acceso, o mantemento, a consolidación e a promoción profesional ou o crecemento en oportunidades laborais e negocios que impliquen activamente a mulleres, incidiu. A Xunta apoiará máis ca nunca a formación para o emprego co impulso do talento feminino como un dos seus piares. Tal e como adiantou Zeltia Lado, a muller seguirá a ser colectivo prioritario en moitas das ordes de axuda e se priorizará a súa capacitación dixital, sobre todo para as que residan no medio rural. A directora xeral adiantou que no próximo exercicio Galicia contará con programas integrados de emprego dirixidos a mulleres e seguirá a promocionar o liderado feminino con outras iniciativas como Son Executiva 2022.

 Camiño Primitivo xa é o cuarto itinerario máis empregado polos peregrinos que recollen a Compostela - o 6% do total-, o que se traduce en que máis de 10.000 peregrinos escolleron no que vai de ano este trazado que arranca desde a cidade de Oviedo, onde precisamente vense de presentar o destino Galicia e o Xacobeo 21-22.

A continuación, uníronse á conversa a astrofísica da Universidade de Santiago de Compostela, Josefina Ling, e a consultora experta en proxectos de igualdade e xénero, Patricia Vaquero, que abordaron a situación da muller no ámbito laboral desde unha perspectiva ampla e integradora, vencellándose tamén coa súa experiencia ou coñecemento do Camiño de Santiago e da peregrinación.

Este novo encontro, que ten lugar despois dos celebrados en Santiago, Mondoñedo, Padrón, Xunqueira de Ambía, Vigo, Portomarín e Sober, busca xerar espazos de reflexión que fomenten o intercambio de experiencias arredor da peregrinación e o Camiño de Santiago coa muller como protagonista a través das experiencias das diferentes convidadas.

Encontro Xacobeo Peregrinas